Descrición xeral |
O obxectivo da materia é proporcionar un marco teórico e metodolóxico para o traballo da lingua galega na aula. Trátase, en primeiro lugar, de facer consciente o alumnado do carácter transversal do ensino lingüístico e da responsabilidade das mestras e mestres como modelos de lingua. Incidirase, neste sentido, na importancia de adquirir unha competencia lingüística e comunicativa suficiente en lingua galega. Estudaranse, de modo xeral, os condicionamentos do ensino de linguas en contextos multilingües e, máis especificamente, as características do caso galego. Esta análise sociolingüística servirá de alicerce ás estratexias que se poñan en práctica na aula de Educación Infantil para o ensino-aprendizaxe das linguas. A materia abordará así mesmo cuestións curriculares que atinxen a todo o bloque de Linguaxe Verbal e tentará familiarizar as alumnas e alumnos coa programación didáctica nesta área, en particular no que atinxe ao traballo no eido da comunicación oral. |