Observacións Malia achárense implícitas no
enunciado das competencias da materia, non será ocioso poñer por escrito
algunhas advertencias ás que debe atender quen queira superala sen atrancos: - En quen cursa estudos de Educación Infantil, a corrección e a propiedade na
expresión (tanto oral coma, sobre todo, escrita) non son virtudes merecentes de
eloxio, senón obrigas de inescusábel cumprimento. Xa que logo, os erros na
grafía das palabras, o desleixo no emprego dos signos de puntuación, a carencia
das ferramentas léxicas e gramaticais necesarias para se elevar por riba do
estilo conversacional, a incapacidade de artellar textos extensos sen mingua da
cohesión e da coherencia, etc., constitúen faltas moi graves, e non simples
chatas ante as cales caiba pechar os ollos. Sendo isto así, a súa comisión ten
que castigarse rigorosamente, sen que a maior ou menor «validez» dos «contidos»
do texto poida ser circunstancia eximente.
- Entre as habilidades que un estudante universitario debe adquirir e
cultivar, ocupan unha posición destacadísima as de recoller información con bo
siso e empregala con honradez:
- Dicir
que o estudante debe recoller información
bo siso é tanto como dicir que debe recollela crítica e selectivamente.
Entre a morea de fontes de información que ten ao seu dispor grazas á internet, ten que saber elixir as de
augas máis limpas, e absterse de beber en mananciais avoltos (v. gr.,
a célebre Wikipedia) ou en pozas de augas lamacentas (v. gr.,
Buenas tareas ou El
rincón del vago). Cómprelle tamén, por suposto, ser quen a explorar e utilizar os fondos
biblio- e hemerográficos da Biblioteca Universitaria.
- Dicir
que o estudante debe empregar información con
honradez é tanto como dicir que debe
recoñecer de maneira explícita todas as débedas que contraia con quen o precedese
no estudo dun determinado tema ou na solución dun determinado problema. Quen
reproduce palabras alleas está obrigado a indicar onde as atopou e quen as
escribiu. A infracción desta norma (con outras palabras: a práctica do plaxio) ha
ser obxecto dunha severísima penalización: abondará con detectar un so caso de corta-e-pega para que o traballo en
cuestión fique automaticamente suspendido (e non cun catro, nin cun tres, nin cun dous, nin cun un,
senón coa cualificación de cero, qué é a que obtén o/a estudante a quen se
descobre copiando nun exame).
- Os Estatutos da Universidade da Coruña dispoñen que a
asistencia ás aulas é, ante todo, un dereito que se lle recoñece ao estudantado
(art. 66). O Estatuto do estudantado inclúe entre os seus deberes,
porén, o de «cumprir coa actividade
académica específica dos estudos en que se matriculen, participando nas clases, teóricas e prácticas, así como en todas as
actividades previstas na programación docente de cada unha das materias» (art. 44; cursivas engadidas).
Existe, pois, un conflito normativo. Cando este se resolva, caberá tomar
decisións no tocante ao peso da asistencia na avaliación e cualificación das
materias. Entrementres, semella razoábel absterse de recompensar a presenza dos
estudantes, así como de penar as súas ausencias (agás, por suposto, nos casos
en que se traduzan na non realización de actividades de carácter obrigatorio:
exercicios escritos, exposicións orais, exames, etc.).
Na primeira sesión do
curso forneceranse instrucións para interpretar rectamente os preceptos
anteriores, coa fin de que non haxa quen poida chamarse a engano nin alegar
descoñecemento. Aclaración O idioma vehicular
da materia Didáctica da lingua castelá
será, por suposto, o castelán. Se esta guía docente se escribe en galego, é
consonte as prescricións do Regulamento
de usos da lingua galega na Universidade da Coruña, cuxo artigo 2.4 reza: Os centros e departamentos da Universidade da Coruña, da mesma maneira que
as dependencias administrativas e de servizos, terán como lingua de uso o
galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades
institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para
os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en
galego.
|