Guía DocenteCurso
Facultade de Filoloxía
  Inicio | galego | castellano | A A |  
Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios
 Asignaturas
  Lingüística Xeral
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Análise de fontes documentais Será un método habitual de traballo tanto na aula como fóra dela. O estudante deberá analizar diferentes fontes documentais, nomeadamente escritas e de extensión diversa. Ademais das lecturas obrigatorias, recibirá frecuentemente textos lingüísticos, descricións e análises de casos, reflexións teóricas, propostas de discusión, argumentarios, etc. Para o mellor aproveitamento deste método é importante que o estudante adopte unha actitude crítica e contrastiva.
Inda que gran parte deste método apela ao traballo individual, considérase fundamental que o estudante saiba pór en común as súas análises e chegar a acordos de interpretación, análise e crítica das fontes cos seus compañeiros.
Aprendizaxe colaborativa O deseño da materia presta especial atención ao traballo en grupo dos alumnos, ao desenvolvemento de actitudes e competencias adecuadas para colaborar con outros, non só porque serán fundamentais na súa vida profesional, senón porque tamén o son para o desenvolvemento individual. Para potenciar a aprendizaxe colaborativa, proporánselle constantemente ao alumno tarefas grupais; ademais, o profesor alterará discrecionalmente a configuración dos grupos para impedir a formación e permanencia de roles específicos nos alumnos, e facilitar o dinamismo nas súas respostas a novas situacións de traballo.
Valorarase especialmente a disposición a colaborar de forma creativa cos demais, chegar a acordos, xerar dinámicas positivas no grupo de traballo, asumir responsabilidades e comprometerse co colectivo. O estudante debe aprender a apreciar e sumar as aportacións dos demais, así como a aportar as propias con respecto.
Discusión dirixida O profesor adoitará abrir e guiar debates sobre temas relevantes, ben a iniciativa propia ben por suxestión dos estudantes. Con frecuencia, estes debates complementarán ou servirán de punto de partida para o tratamento dos contidos da materia, así como de mecanismo de comprensión da complexidade e estrutura dos fenómenos analizados.
É fundamental que o estudante participe nestas discusións para desenvolver a súa competencia analítica e argumentativa, e para acostumarse á exposición pública de contidos e opinións de forma axeitada. Ademais, nestas discusións poderá familiarizarse co tipo de argumentación e aos criterios de validación científica do campo. En todo momento debe amosar respecto polos argumentos e opinións dos demais, e disposición a someter a discusión interna e pública as propias ideas e opinións. Valorarase positivamente a capacidade de autocrítica e de aplicación das regras e criterios científicos, así como o sometemento a proba das propias ideas.
Esquemas Haberá cando menos unha actividade na que o alumno deba amosar a súa habilidade elaborando esquemas. Con todo, aconséllase que o utilice como método habitual de organización da información para a aprendizaxe, principalmente cando esta proveña de fontes documentais.
Estudo de casos O profesor someterá á análise dos grupos de estudantes situacións reais (casos) co fin de que sexan comprendidas. Valorarase especialmente o proceso de discusión e posta en común da información dispoñible, a estratexia de análise e o proceso de elaboración de conclusións e/ou toma de decisións. Esta metodoloxía estará fortemente ligada á de solución de problemas.
Eventos científicos e/ou divulgativos O profesor pode suxerir puntualmente eventos (conferencias, cursos, seminarios, mesas redondas...) de interese para os alumnos. É difícil prever se vai haber algún evento sobre o que se poida facer unha actividade avaliable: se o hai e os profesores o consideran oportuno, o alumno deberá asistir e elaborar un informe guiado (isto é, sobre un modelo proporcionado polo profesor con preguntas específicas) desa conferencia. A/s conferencia/s susceptibles de ser informadas será/n determinada/s polo profesor.
Lecturas As lecturas obrigatorias proporcionaranlle ao estudante a maior parte dos contidos do curso, e deberá facer unha ou varias por cada tema: ao inicio do curso entrégaselle unha listaxe con todas elas. Estas lecturas serán previas a que o grupo trate o tema na aula. O estudante deberá plantexar na aula as dúbidas que lle xurdiran: o profesor tentará resolvelas ben directamente, ben utilizándoas como base para actividades de estudo de caso, seminario, discusión dirixida, solución de problemas... que leven á súa aclaración.
Ademais, o profesor poderá entregarlles aos alumnos (individual ou colectivamente) lecturas complementarias obrigatorias de extensión variable, así como suxestións para a ampliación voluntaria de contidos.
Obradoiro Denominamos así a combinación coordinada de varias metodoloxías das aquí recollidas cun obxectivo común a respecto dun tema ou cuestión: minidebates, textos complementarios, actividades prácticas en grupo, análise de xeito contrastivo de propostas de diferentes autores ou momentos históricos, todo isto de forma secuencial e combinada, perseguindo un propósito único de adquisición de determinados contidos e desenvolvemento de certas competencias.
Prácticas a través de TIC As actividades que se soliciten serán realizadas cun procesador de textos. Ademais, nalgúns temas poden utilizarse novas tecnoloxías (laboratorio de fonética, busca de información en rede...)
Proba mixta Ao final do curso os alumnos deberán realizar unha proba de tipo teórico e aplicado, con preguntas de resposta aberta e/ou pechada, que suporá o 45% da cualificación final.
Recensión bilbiográfica Polo menos unha actividade consistirá en realizar unha recensión dirixida (isto é, respondendo a preguntas concretas do profesor e cun número mínimo de palabras) dunha lectura proposta polo profesor: será o profesor quen determine cal para cada alumno. Se o profesor o considera necesario, faranse máis recensións (dirixidas ou non) ou prescindirase da prevista.
Seminario Constituirá un método habitual de traballo, principalmente nas aulas de grupo mediano e reducido: o profesor plantexará algún tema (ben por iniciativa del, ben pola dos alumnos) sobre o que se traballará, debatirá e elaborarán conclusións, utilizando materiais aportados polo profesor ou buscados polos estudantes e, sobre todo, utilizando a reflexión individualizada e grupal e a posta en común.
Sesión maxistral Haberá unha sesión maxistral de 90 minutos cada semana. Dependendo do tema e/ou do profesor, consistirán na exposición por parte deste dalgúns contidos seleccionados ben por iniciativa propia ou a proposta dos estudantes, xa sexa para aclarar dúbidas sobre contidos recollidos nas lecturas, corrixilos ou tratar outros completamente novos. Os alumnos deberán ter feitas as lecturas obrigatorias correspondentes a cada tema antes da primeira sesión maxistral na que este se trate.
Solución de problemas O estudante deberá enfrentarse puntualmente, ben de forma individual ou grupal, a situacións problemáticas cuxa/s solución/s requiran a aplicación dos coñecementos e competencias desenvolvidos na materia. O fundamental neste curso inicial da titulación non é tanto a resolución dos problemas como o enfoque, o proceso de análise e reflexión e a estratexia adoptados. Esta metodoloxía estará fortemente ligada á de estudo de casos.
Traballos tutelados Os alumnos deberán realizar algunhas actividades prácticas ou de busca de información seguindo instrucións específicas do profesor e, cando este o determinar, sendo controlado o seu traballo cando menos en certas etapas (planificación inicial, estratexia de traballo, ...) O obxectivo é que o estudante desenvolva dinámicas e prácticas de traballo axeitadas e/ou propias da área de coñecemento.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes