Guia docenteCurso
Facultad de Ciencias de la Educación
  Inicio | galego | castellano | A A |  
Grao en Logopedia
 Asignaturas
  Lingüística
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Proba mixta Ao final do curso (mes de xaneiro) os alumnos deberán realizar unha proba de tipo teórico e aplicado, con preguntas de resposta aberta e/ou pechada, que suporá o 60% da cualificación final. No mes de novembro terán unha proba mixta parcial que liberará materia: quen a supere non se examinará destes contidos no exame de xaneiro.
Sesión maxistral Haberá unha sesión maxistral de 90 minutos cada semana. Dependendo do tema e/ou do profesor, consistirán na exposición por parte deste dalgúns contidos seleccionados ben por iniciativa propia ou a proposta dos estudantes, xa sexa para aclarar dúbidas sobre contidos recollidos nas lecturas, corrixilos ou tratar outros completamente novos. Os alumnos deberán ter feitas as lecturas obrigatorias correspondentes a cada tema antes da primeira sesión maxistral na que este se trate.
Lecturas As lecturas obrigatorias proporcionaranlle ao estudante a maior parte dos contidos do curso, e deberá facer unha ou varias por cada tema: ao inicio do curso entrégaselle unha listaxe con todas elas. Estas lecturas serán previas a que o grupo trate o tema na aula. O estudante deberá plantexar na aula as dúbidas que lle xurdiran: o profesor tentará resolvelas ben directamente, ben utilizándoas como base para actividades de estudo de caso, seminario, discusión dirixida, solución de problemas... que leven á súa aclaración.
Ademais, o profesor poderá entregarlles aos alumnos (individual ou colectivamente) lecturas complementarias obrigatorias de extensión variable, así como suxestións para a ampliación voluntaria de contidos.
Análise de fontes documentais Será un método habitual de traballo tanto na aula como fóra dela. O estudante deberá analizar diferentes fontes documentais, nomeadamente escritas e de extensión diversa. Ademais das lecturas obrigatorias, recibirá frecuentemente textos lingüísticos, descricións e análises de casos, reflexións teóricas, propostas de discusión, argumentarios, etc. Para o mellor aproveitamento deste método é importante que o estudante adopte unha actitude crítica e contrastiva.
Inda que gran parte deste método apela ao traballo individual, considérase fundamental que o estudante saiba pór en común as súas análises e chegar a acordos de interpretación, análise e crítica das fontes cos seus compañeiros.
Aprendizaxe colaborativa O deseño da materia presta especial atención ao traballo en grupo dos alumnos, ao desenvolvemento de actitudes e competencias adecuadas para colaborar con outros, non só porque serán fundamentais na súa vida profesional, senón porque tamén o son para o desenvolvemento individual. Para potenciar a aprendizaxe colaborativa, proporánselle constantemente ao alumno tarefas grupais; ademais, o profesor alterará discrecionalmente a configuración dos grupos para impedir a formación e permanencia de roles específicos nos alumnos, e facilitar o dinamismo nas súas respostas a novas situacións de traballo.
Valorarase especialmente a disposición a colaborar de forma creativa cos demais, chegar a acordos, xerar dinámicas positivas no grupo de traballo, asumir responsabilidades e comprometerse co colectivo. O estudante debe aprender a apreciar e sumar as aportacións dos demais, así como a aportar as propias con respecto.
Discusión dirixida O profesor adoitará abrir e guiar debates sobre temas relevantes, ben a iniciativa propia ben por suxestión dos estudantes. Con frecuencia, estes debates complementarán ou servirán de punto de partida para o tratamento dos contidos da materia, así como de mecanismo de comprensión da complexidade e estrutura dos fenómenos analizados.
É fundamental que o estudante participe nestas discusións para desenvolver a súa competencia analítica e argumentativa, e para acostumarse á exposición pública de contidos e opinións de forma axeitada. Ademais, nestas discusións poderá familiarizarse co tipo de argumentación e aos criterios de validación científica do campo. En todo momento debe amosar respecto polos argumentos e opinións dos demais, e disposición a someter a discusión interna e pública as propias ideas e opinións. Valorarase positivamente a capacidade de autocrítica e de aplicación das regras e criterios científicos, así como o sometemento a proba das propias ideas.
Estudo de casos O profesor someterá á análise dos grupos de estudantes situacións reais (casos) co fin de que sexan comprendidas. Valorarase especialmente o proceso de discusión e posta en común da información dispoñible, a estratexia de análise e o proceso de elaboración de conclusións e/ou toma de decisións. Esta metodoloxía estará fortemente ligada á de solución de problemas.
Prácticas a través de TIC As actividades que se soliciten serán realizadas cun procesador de textos, e utilizaranse outras ferramentas electrónicas cando sexa preciso. Ademais, nalgúns temas poden utilizarse novas tecnoloxías (laboratorio de fonética, busca de información en rede...) cando o permita as condicións do curso.
Recensión bilbiográfica Polo menos unha actividade consistirá en realizar unha recensión dirixida (isto é, respondendo a preguntas concretas do profesor e cun número mínimo de palabras) dunha lectura proposta polo profesor.
Solución de problemas O estudante deberá enfrentarse puntualmente, ben de forma individual ou grupal, a situacións problemáticas cuxa/s solución/s requiran a aplicación dos coñecementos e competencias desenvolvidos na materia. O fundamental neste curso inicial da titulación non é tanto a resolución dos problemas como o enfoque, o proceso de análise e reflexión e a estratexia adoptados. Esta metodoloxía estará fortemente ligada á de estudo de casos.
Traballos tutelados Os alumnos deberán realizar algunhas actividades prácticas ou de busca de información seguindo instrucións específicas do profesor e, cando este o determinar, sendo controlado o seu traballo cando menos en certas etapas (planificación inicial, estratexia de traballo, ...) O obxectivo é que o estudante desenvolva dinámicas e prácticas de traballo axeitadas e/ou propias da área de coñecemento.
Obradoiro Denominamos así a combinación coordinada de varias metodoloxías das aquí recollidas cun obxectivo común a respecto dun tema ou cuestión: minidebates, textos complementarios, actividades prácticas en grupo, análise de xeito contrastivo de propostas de diferentes autores ou momentos históricos, todo isto de forma secuencial e combinada, perseguindo un propósito único de adquisición de determinados contidos e desenvolvemento de certas competencias.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes