Guia docenteCurso
Facultad de Ciencias de la Educación
  Inicio | galego | castellano | A A |  
Grao en Educación Social
 Asignaturas
  Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Destinadas a (re)coñecernos como protagonistas dos procesos de ensino e de aprendizaxe que se inician, a presentar e discutir as regras do xogo recollidas na guía docente, a identificar intereses e /ou motivacións do alumnado respecto dos obxectivos que se queren acadar, e a verbalizar preconceptos e saberes previos das alumnas e alumnos relacionados coa materia, dos que partir para favorecer aprendizaxes relevantes.
Análise de fontes documentais Utilización de documentos relevantes textuais (artigos, libros, novas de prensa, poemas, textos lexislativos...) e audiovisuais (documentais, curtas, filmes , fotografías, viñetas...) que faciliten e amplíen a comprensión dos conceptos básicos da materia, e permitan a elaboración de pensamentos razoados acerca da intervención socioeducativa.
Seguindo a Finkel (2008), trátase de deixar que falen os documentos, propoñendo actividades que permitan desentrañar o seu significado: mapas conceptuais, estudo de casos, recensións, diálogo reflexivo, seminarios, etc.
Sesión maxistral Destinada á exposición oral por parte da docente na que achegar o saber científico e disciplinar imprescindible para a decontrución e reconstrución crítica do coñecemento experiencial. Complementarsase co uso de recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e coa introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para favorecer o diálogo reflexivo. A finalidade é promover unha aprendizaxe transformadora, potenciando a participación do alumnado na construción significativa do coñecemento.
Discusión dirixida Fundaméntase na concepción da aprendizaxe como un proceso reflexo, dialóxico, un acto de (re)creación solidarizando a reflexión e a acción.
En base á análise previa de fontes documentais, promoverase o debate e contraste de opinións fundamentadas, a través das que: identificar dificultades na comprensión; promover a dúbida e o conflito, poñendo en tea de xuízo as crenzas e interpretacións iniciais; provocar o pensamento diverxente e recoller diferentes argumentacións; favorecer a conexión con experiencias vitais; etc. Todo coa finalidade de que o alumnado tome conciencia de interpretacións alternativas da realidade socioeducativa, se emancipe dos preconceptos e ideas erróneas, e reconstrúa criticamente novas formas de pensar, sentir e actuar.
Destinaranse á discusión dirixida tanto sesións expositivas como interactivas. Estas últimas organizaranse a modo de seminario aberto.
Simulación Práctica simulada de participación nunha convocatoria pública da Administración autonómica, na que se respectan as características formais e de contido, así como os requisitos habituais neste tipo de concursos. Ten como finalidade a inmersión nas competencias específicas da Educación Social relacionadas co deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de acción socioeducativa, así como co traballo en equipo, partindo dunha situación real o que entendemos supón un desafío motivador.
Esta proposta didáctica esixe poñer en relación as bases teóricas e metodolóxicas da materia para resolver un problema práctico (neste caso a elaboración dun programa), permitindo ademais recuperar e actualizar moitos dos saberes e destrezas adquiridos ao longo do Grao.
Dado a dimensión da proposta e a necesidade de promover unha aprendizaxe interdisciplinar, trátase dun traballo compartido coa materia Orientación Ocupacional, no que as docentes acompañarán aos grupos durante todo o proceso: asesorándoos tecnicamente, contribuíndo á autoorganización e autonomía, activando procesos reflexivos, problematizando decisións, incentivando argumentacións, reforzando as potencialidades, etc.
O proceso está marcado polos seguintes momentos: publicación simulada da convocatoria; inscrición dos equipos no concurso; deseño e presentación en prazo e forma do programa; defensa dos programas; actuación da comisión avaliadora; e resolución motivada do concurso.
Presentación oral Algunhas das actividades desenvolvidas tanto de xeito individual como grupal , serán expostas diante do grupo de referencia, procurando chegar a conclusións compartidas sobre o caso investigado, o documento ou experiencia analizada. Entre as actividades, o Programa de Acción Socioeducativa será presentado e defendido no grupo expositivo.
Unha das finalidades da presentación oral é favorecer a coavaliación e autoavaliación a través da contrastación de diferentes formas de resolver as mesmas actividades, permitindo identificar dificultades e potencialidades nos propios traballos, así como autorregular a propia aprendizaxe.
Estudo de casos Metodoloxía onde o suxeito se enfronta ante a descrición dunha situación específica ou experiencia (presentada nun filme, curta, artigo...), sobre a que se formula un problema que ha de ser estudado, valorado e resolto á luz dos referentes teóricos e metodolóxicos da materia, por parte dun grupo de persoas a través dun proceso de discusión. Promove, polo tanto, a conexión entre o marco teórico e experiencias concretas de acción socioeducativa.
A través desta metodoloxía promoverase o desenvolvemento das competencias, estratexias e técnicas relacionadas co deseño, implementación e avaliación de programas e proxectos, dende a análise da realidade, de necesidades, factores de risco e potencialidades. Neste sentido, constitúe unha fonte de coñecemento esencial para o deseño do Programa de Acción Socioeducativa, obxecto da convocatoria pública simulada.
Seminario Técnica de traballo en grupo que ten como finalidade a aprendizaxe relevante a través da indagación e reflexión conxunta sobre un tema. Caracterízase pola discusión, a participación, a elaboración de documentos e conclusións ás que ten que chegar todo o alumnado.
Preténdese provocar a mobilización do coñecemento experiencial, o cuestionamento dos influxos recibidos, a potenciación do pensamento diverxente, así como o contraste das evidencias atopadas coa experiencia, coa finalidade de afondar na comprensión e (re)construción crítica das propias formas de pensar, sentir e actuar. Para isto, o alumnado deberá reflexionar sobre os documentos textuais ou audiovisuais que constitúen a base do seminario e formular as súas propias preguntas, ás que se tratará de dar resposta no transcurso do mesmo.
Glosario Recurso que consiste na identificación, definición e contextualización dun conxunto de termos propios do ámbito conceptual da materia para facilitar a súa comprensión. Será construído de forma autónoma, ao longo do cuadrimestre, a través do Moodle.
Obradoiro Proposta metodolóxica eminentemente práctica na que o alumnado se achegará ao coñecemento e aplicación de exercicios, xogos, técnicas e estratexias da metodoloxía do Teatro do Oprimido. Ten como finalidade promover desmecanización física e intelectual, estimulando a discusión e a problematización de situacións da vida cotiá, a reflexión crítica sobre as relacións de poder que caracterizan as interaccións humanas, e a definición conxunta e “ensaio” de alternativas para a emancipación, sempre dende a perspectiva das propias persoas protagonistas.
Mesa redonda Exposición compartida por parte dun grupo de persoas expertas nun tema, na que cada quen trasladará a súa visión e reflexión arredor de epígrafes comúns, moderadas por un/ha coordinador/a. Organizarase una mesa redonda de profesionais da Educación Social que desenvolvan o seu traballo con diferentes colectivos en situación ou risco de exclusión social, para abordar aspectos relacionados co perfil profesional (funcións, competencias, dilemas éticos...) e as posibilidades e limitacións da acción socioeducativa con colectivos vulnerables.
Aprendizaxe colaborativa Organización de sesións interactivas en pequenos grupos nos que o alumnado traballa conxuntamente na resolución de tarefas asignadas pola docente para optimizar a súa propia aprendizaxe e a de outros membros do grupo a través da axuda mutua (Rompecabezas de Aronson, Phillip 66...). Búscase o intercambio de experiencias e coñecementos, a reflexión colectiva, e a teorización a partir do traballo grupal.
Portafolios do alumno Memoria reflexiva e crítica de autoavaliación da aprendizaxe e das competencias desenvolvidas en relación aos obxectivos da materia e aos resultados de aprendizaxe. Implica responder ás preguntas: que aprendín? como o aprendín? que dificultades teño aínda por resolver? que estratexias podo desenvolver para superalas?...
Eventos científicos e/ou divulgativos Actividades realizadas polo alumnado que implican la asistencia e/ou participación en eventos científicos e/ou divulgativos (congresos, xornadas, simposios, cursos, seminarios, conferencias, exposicións, etc.), co obxectivo de afondar no coñecemento de temas de estudo relacionados coa materia. Estas actividades proporcionan ao alumnado coñecementos e experiencias actuais que incorporan as últimas novidades referentes a un determinado ámbito de estudo.
Nas sesións expositivas e a través do Moodle poderase informar, tanto por parte da docente como do alumnado, de eventos de interese.
Saídas de campo Actividade desenvolvida nun contexto externo ao entorno académico universitario relacionado co ámbito de estudo da materia. Céntrase no desenvolvemento de competencias relacionadas coa observación directa e sistemática, a recollida de información, e a reflexión posterior que se poderá concretar nun traballo escrito. Planificarase unha visita a un centro, recurso ou servizo de intervención con algún colectivo en situación ou risco de exclusión social.
Proba de ensaio Esta proba busca responder a preguntas de certa amplitude valorando as seguintes capacidades: razoamento (argumentar, establecer sinerxías, etc.), síntese, creatividade e orixinalidade, espírito crítico, precisión conceptual e redacción. Implica, polo tanto, un estudo amplo e profundo dos contidos, sen perder de vista o conxunto das ideas e as súas relacións. A proba contemplará catro preguntas a desenvolver.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes