A metodoloxía proposta persigue dous obxectivos básicos: i) incentivar ao alumno para que traballe de xeito continuado ao longo do curso e ii) fomentar a autonomía do alumno no proceso de aprendizaxe. Con este fin, ao alumno pídeselle que:
a) Prepare, individualmente ou en grupo, as cuestións indicadas polo profesor para a súa discusión na aula. Valórase, tanto o rigor nos argumentos utilizados, consecuencia da súa preparación previa, como a habilidade para presentar e defender o seu punto de vista fronte ao dos seus compañeiros. Por esta vía o alumno pode compensar con ata 1 punto a cualificación total obtida coa avaliación continua (obradoiro e proba de resposta múltiple), sen superar o máximo que corresponde a esta avaliación (5 puntos).
b) Semanalmente realice os exercicios e casos prácticos propostos polo profesor. Recoméndase o traballo en equipo para discutir as posible solucións. Ao inicio dunha das dúas sesións de cada semana o profesor presentará aos alumnos un pequeno exercicio, similar aos propostos para realizar fora da aula, que cada alumno deberá resolver de xeito individual no tempo marcado polo profesor. Estes exercicios recolleranse e de todos eles o profesor valorará catro, elixidos aleatoriamente ao rematar o cuadrimestre.
En canto ao exame final e á cualificación na acta, lémbranse os seguintes acordos da Comisión Permanente da Facultade de Economía e Empresa do 6 de xullo de 2011:
Cualificación de non presentado. Corresponde ao alumnado, cando só participe de actividades de avaliación que teñan unha ponderación inferior ao 20% sobre a cualificación final, con independencia da cualificación acadada.
Condicións de realización do exame final. Está prohibido acceder á aula de exame con calquera dispositivo que permita a comunicación co exterior e/ou o almacenamento de información.
Avaliación da oportunidade de xullo. Esta debe realizarse cos mesmos criterios que os utilizados, no seu caso, na avaliación do primeiro ou do segundo cuadrimestre.
Por último, no caso de que ao alumno se lle conceda unha oportunidade de "avaliación adiantada", e só nese caso, realizarase unha proba mixta encamiñada a avaliar todas as competencias e contidos propios da materia.