General description |
Esta materia pretende dous obxectivos primordiais. Por un lado, coñecer as transformacións económicas que conduciron ao mundo contemporáneo á situación actual. Partindo da preponderancia europea e occidental na economía mundial, buscamos as bases dese liderado, sen facer táboa rasa do resto do mundo. Por outro lado, analizar a evolución económica de España no longo prazo, tomando como punto de inicio as condicións determinadas pola crise do Antigo Réxime, para despois determinar o marco xeral do crecemento económico español contemporáneo.
Desenvolvemos o temario baixo unha dobre perspectiva, cronolóxica e espacial. Para elo, analízase o impacto da expansión europea no resto do mundo durante os séculos modernos, na que España tivo un rol sobresaínte, aínda que con importantes contrastes, sobre todo de carácter rexional; as consecuencias da industrialización europea na economía internacional no século XIX, incluído o insuficiente impacto sobre a modernización da economía española; e, finalmente, as tensións dun século de globalización, o XX, que para España significou unha loita –non sempre exitosa– por achegarse aos ritmos socioeconómicos europeos. Así mesmo, pese ao contido xeneralista da materia, prestarase especial atención á análise da evolución da empresa nos dous últimos séculos, e ao estudo das relacións entre a empresa e o crecemento económico.
|