Descrición xeral |
A materia de Novas tecnoloxías aplicadas á educación forma parte do plan de estudios da diplomatura de Mestre especialista en Educación Física. Impártese no último curso e é unha materia troncal de 4 créditos, 3 teóricos e 1 práctico, o que equivale no Sistema Europeo de Transferencia de Créditos a aproximadamente 3.5 créditos que representan o redor de 87 horas de traballo do estudante.
Os descritores desta materia son os seguintes: Recursos didácticos e novas tecnoloxías: utilización nas súas distintas aplicacións didácticas, organizativas e administrativas. Utilización dos principais instrumentos informáticos e audiovisuais.
Os estudios conducentes ao título de Mestre especialista en Educación Física teñen como principal fin dotar aos futuros mestres das competencias necesarias para desenvolver a actividade docente nos niveis da Educación Primaria integrando os aspectos básicos con aquelas competencias que de forma específica permitirán aos futuros mestres desenvolver unha actividade docente encamiñada ao desenrolo das capacidades físicas e de acción dos nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Entre as funcións centrais na actividade docente está o deseño e desenvolvemento dun curriculum que permita tanto o desenrolo integral dos nenos e nenas destas idades como o desenrolo mais específico das súas capacidades físicas e de acción mediante a educación a través do corpo e o movemento e que, ademais, responda a unha serie de principios xerais relacionados cunha educación democrática, inclusiva e preocupada pola xustiza social.
Como elementos clave do curriculum sobre o que o futuro mestre deberá tomar decisións están os medios e recursos didácticos que permitirán o traballo dos contidos do curriculum e contribuirán a consecución dos fins educativos buscados. A materia de Novas tecnoloxías aplicadas á educación dotará aos futuros mestres coas competencias necesarias para poder analizar, avaliar, seleccionar, utilizar e crear recursos baseados nas tecnoloxías da información e da comunicación. As novas tecnoloxías ofrecen o futuro mestre de Educación Física innumerables posibilidades para a busca de información e recursos para as súas clases, para a organización e creación dos seus propios recursos, para a comunicación con outros docentes e persoas interesadas no campo da educación física, para a súa constante formación e para a investigación da súa propia práctica.
Na sociedade actual, definida como sociedade da información, a xeración, procesamento, manipulación e transmisión de información grazas as TIC son agora as actividades centrais e as principais fontes de produtividade e poder. A escola debe responder aos avances tecnolóxicos tendo en conta que a mera introdución das novas tecnoloxías no curriculum non implica a mellora da calidade da educación, sendo posible seguir reproducindo formas tradicionais de ensinanza pero con novos medios. É por isto necesario unha reflexión previa sobre os fins buscados, os cales deberán buscar formar a futuros cidadáns con capacidade para a analizar de forma crítica a información transmitida a través das TIC, con capacidade para crear información mediante as TIC, con capacidade para aprender a aprender e comprometidos coa defensa da xustiza social.
Dende unha postura crítica ante as novas tecnoloxías o docente deberá, por unha banda, guiar o estudante na súa construción do coñecemento, contribuíndo a súa vez a que se converta en intérprete crítico dese coñecemento. Ademais o docente deberá ser consciente da non neutralidade da tecnoloxía e dos intereses que se atopan tras todo avance tecnolóxico, analizando o papel das novas tecnoloxías no aumento ou diminución das desigualdades sociais, etc. Por outra banda o docente deberá utilizar estes recursos tecnolóxicos para favorecer a investigación da súa propia práctica levando a cabo procesos de investigación-acción que favorezan a mellora da súa labor docente.
A materia de Novas tecnoloxías aplicadas á educación asignada a área de Didáctica e Organización escolar se relaciona con outras materias do plan de estudios da diplomatura de Mestre especialista en Educación Física como poden ser Didáctica Xeral, Socioloxía da Educación, Teorías e institucións contemporáneas de educación, Organización escolar ou Educación Física e a súa didáctica.
|