Descrición xeral |
A realidade socio-educativa do educador/a social é complexa, diversa e difícil de analizar, describir e interpretar, por iso é necesario, que ao longo da súa formación académica, adquira unha serie de competencias que lle permitan desenvolver a súa posterior actividade profesional. Por tal circunstancia, a aprendizaxe e aplicación de diversas metodoloxías de investigación, que se planifican nesta materia, permitirá nun futuro ao educador/a social seleccionar a máis adecuada para solucionar os problemas que se encontrará no seu próximo ámbito laboral. Sen esquecer que o/a educador/a social dentro do seu ámbito laboral terá que investigar para poder achegar posibles solucións que melloren o contexto no que se desenvolva a súa actividade laboral.
A diversidade de concepcións epistemolóxicas aplicables ás distintas situacións sociais será fonte de información para o/a investigador/a social, permitíndolle determinar cal é a máis adecuada para solucionar o problema ao que se enfronta. Non se pretende establecer unha prelación ou unha orde de importancia entre os variados modos de investigación, senón que é o problema de investigación o que determinará a elección dunha metodoloxía ou outra, facendo dela a máis válida para este tipo de problema.
Todo isto non ten sentido se non nos preguntamos e respondemos á pregunta: que queremos conseguir. Son moitos os instrumentos que podemos utilizar para obter datos e, por elo, é necesario ter coñecemento do amplo abano de posibilidades. Un bo/boa profesional será aquel/a que saiba optar, en cada circunstancia, polas técnicas e instrumentos que mellor se adapten á situación. Por iso, é necesario afondar no coñecemento e no dominio das distintas ferramentas que temos á nosa disposición. Así, nesta materia iránse analizando as principais técnicas e instrumentos que poden ser aplicadas ao ámbito socioeducativo, indicando as súas características fundamentais, as vantaxes e inconvenientes que presentan e as circunstancias ou momentos máis adecuados para poñelas en práctica.
|