1. Para superar a materia, o alumnado deberá conseguir globalmente unha cualificación igual ou superior a 5 valores sobre 10. Na proba mixta terá de obter como mínimo 4 valores sobre 10 para poder sumar os restantes elementos de avaliación.
2. O alumnado terá de entregar os traballos e actividades no prazo fixado. Igualmente, todas as actividades ou probas deberán cumprir unhas exixencias mínimas de corrección lingüística (ortografía, puntuación, concordancia sintáctica, ausencia de reiteracións, precisión léxica, rexistro formal…); no caso de deficiencias lingüístico-expresivas, estas poderán ser penalizadas na cualificación, segundo o documento "Exixencias mínimas de corrección lingüística" (aprobado pola Sección de Galego-Portugués o 6/7/2018 e pendurado en Moodle).
3. O alumnado con matrícula parcial e/ou dispensa académica deberá realizar e entregar as mesmas probas e exercicios que o restante estudantado. Se non puider asistir ás titorías, deberá pórse en contacto co profesor a través do correo electrónico. Tamén deberán pórse en contacto co profesorado aquelas persoas cuxo horario laboral for incompatíbel co seguimento da materia, mais que non cumpriren as condicións para obteren a dispensa académica; após as pertinentes comprobacións, poderán ter condicións de avaliación equivalentes aos casos da dispensa académica.
4. Na segunda oportunidade, en xullo, o alumnado será avaliado cos mesmos criterios que na ocasión anterior, só que o "Traballo tutelado" pasará a ser puntuado con 3 valores, absorbendo así o "Obradoiro". Antes da data oficial do exame ten de ser entregue o "Traballo tutelado". No caso da "Presentación oral", marcarase un día para a súa realización. De haber convocatoria adiantada de decembro, serán aplicados idénticos principios de avaliación que na oportunidade de xullo.
5. A cualificación de NON PRESENTADO/A será considerada cando se der algún dos seguintes supostos: a) o alumno ou a alumna non realizou a "Proba mixta"; b) a alumna ou o alumno non entregou nin realizou ningunha das actividades previstas ("Traballo tutelado", "Presentación oral"); c) o alumno ou a alumna non fixo nin a "Proba mixta" nin realizou ningunha das actividades programadas ("Traballo tutelado" e "Presentación oral").