Descrición xeral |
Didáctica da lingua castelá (cód. 652G01018) é unha materia obrigatoria do 2º curso dos estudos do Grao en Educación Infantil. En colaboración con Didáctica da lingua galega (cód. 652G01015), contribúe a capacitar o/a futuro/a docente para perseguir e conseguir os obxectivos formativos propios da área de coñecemento «Linguaxes: comunicación e representación», terceira e derradeira das que constitúen o currículo da Educación Infantil.
Apenas é necesario ponderar a importancia que a Didáctica da lingua reviste para quen aspira a exercer a profesión docente. Abondará con advertir que é proporcional á que para o/a neno/a encerra o pleno desenvolvemento das súas habilidades lingüísticas. Nacida como instrumento para a exteriorización das necesidades do organismo, a linguaxe medra no neno ata se transformar en porta de entrada a un mundo intelectual que se superpón ao mundo material en que os seres humanos asentamos os nosos pés. Os humanos non vivimos soamente no universo físico, senón tamén, como dixo o filósofo Ernst Cassirer, nun universo simbólico. O noso medio ambiente non está constituído de xeito exclusivo por obxectos físicos, senón tamén por obxectos culturais —se así se pode dicir— que «viven» na linguaxe, a aos que só podemos acceder por medio da linguaxe: os costumes, as leis, os mitos, as lendas, os saberes científicos... A non ser pola conquista da palabra, o/a neno/a viviría nun perpetuo desterro, por sempre á marxe de todas esas realidades especificamente humanas (ou, mellor dito, das dimensións especificamente humanas da realidade). O/a docente debe, como é obvio, acompañalo na súa loita; debe ser para el un modelo e un acicate. Ora ben, non pode cumprir ese papel se non está dotado da formación necesaria; de aí que a presenza da glotodidáctica nos estudos de Maxisterio sexa unha necesidade universalmente recoñecida.
Logo destas consideracións preliminares (que poderían, de facto, encabezar a guía de calquera materia da área de didáctica da lingua), cabe xa detallar os obxectivos específicos de Didáctica da lingua castelá. A fin de non alongar en exceso a listaxe, sinalaranse soamente tres, cada un dos cales corresponde —como máis adiante se verá— a un bloque de contido:
1. Garantir que o alumnado posúe as ferramentas conceptuais necesarias para describir tanto os produtos da actividade verbal (isto é, os textos) como as habilidades que subxacen a toda manifestación de dita actividade (isto é, as competencias «gramatical», «sociolingüística», «discursiva» e «estratéxica»).
2. Ofrecer ao alumnado unha vista panorámica do proceso de adquisición da primeira lingua, con atención especial ás fases que se desenvolven entre o nacemento e os tres anos de idade (momento en que adoita producirse a incorporación dos/as nenos/as aos colexios, e que coincide con inicio do segundo ciclo da Educación Infantil).
3. Contribuír á preparación do alumnado para o desempeño dos seus futuros labores profesionais. Evidentemente, este obxectivo é común a todas as materias do plan de estudos do Grado, se ben cunha tradución diferentre en cada unha delas. No caso de «Didáctica de la Lengua Castellana», o que implica é:
a) Iniciar o alumnado no coñecemento dos obxectivos que, segundo a lexislación sobre a Educación Infantil, corresponden á área de coñecemento «Linguaxes: comunicación e representación» (mellor dito: ao primeiro dos bloques en que tal área se divide, correspondente á chamada linguaxe verbal, é dicir, á linguaxe propiamente dita).
b) Iniciar o alumnado no coñecemento dalgunhas das estratexias que cabe aplicar con vistas á consecución dos devanditos obxectivos, reparando tamén nos atrancos que poden xurdir durante a súa utilización, e dexergando posibles vías de solución.
|
Plan de continxencia |
1. Modificacións nos contidos
Algúns puntos do temario —entre eles, o segundo apartado do tema III, dedicado á ensinanza da lectoescritura— serán obxecto dun tratamento pormenorizado; outros, en cambio, tan só dun exame sumario (así, p. ex., o terceiro apartado do tema II, relativo ás teorías da adquisición da linguaxe). En calquera caso, esas desigualdades non diferirán das que se producirían en circunstancias normais.
2. Metodoloxías
*Metodoloxías docentes que se manteñen
- Sesión maxistral
- Lecturas
- Obradoiro
- Proba de ensaio
- Traballos tutelados
A través das plataformas Moodle e Microsoft Teams, profesorado e alumnado teñen a posibilidade de transferir ao medio virtual as devanditas «metodoloxías». Se as circunstancias aconsellan ou impoñen o traslado, farase resoltamente, cos axustes indispensables para a adaptación ao novo ámbito.
*Metodoloxías docentes que se modifican
3. Mecanismos de atención personalizada ao alumnado
- Ao igual que en circunstancias normais, o profesor consultará asiduamente a caixa de correo electrónico; non sendo por causa de forza maior, as mensaxes terán resposta nun prazo de trinta e seis horas a contar dende a súa recepción.
- Durante as horas de titoría, o profesor estará conectado á plataforma Teams, de tal maneira que os/as alumnos/as poderán contactar con el e facerlle todas as consultas que estimen oportunas (sexa por escrito, sexa mediante videochamada).
4. Modificacións na avaliación
Como xa se apuntou no apartado n.º 2, Moodle e Microsoft Teams ofrecen a posibilidade de levar a cabo nun medio virtual —con pequenos axustes— todas as actividades que de ordinario se desenvolven presencialmente. Non semella necesario, por tanto, introducir cambios substanciais no mecanismo de avaliación.
*Observacións de avaliación:
5. Modificacións da bibliografía ou webgrafía
Se resulta imposible acceder á biblioteca e ao servizo de reprografía, o alumnado disporá de copias dixitais dos textos de lectura obrigatura nas plataformas Moodle e/ou Teams.
|