O alumno poderá ser avaliado de dous modos diferentes: ou ben a través dunha "avaliación continua" ou ben a través dunha "avaliación final".
A) AVALIACIÓN CONTINUA.
O traballo do alumno será avaliado de forma continua a través dos traballos tutelados propostos e a través da resolución de cuestións, problemas e casos prácticos expostos na proba obxectiva parcial.
Así, a avaliación poderase desagregar do seguinte modo:
A1) Proba obxectiva parcial (máximo 3,5 puntos): realizarase unha proba obxectiva parcial ao longo do curso que supoñerá unha puntuación máxima de 3,5 puntos. Será requisito alcanzar un mínimo de 1 punto na proba xa que de non facelo o alumno perderá a posibilidade de seguir a modalidade de avaliación continua.
A2) Traballos tutelados propostos (máximo 6,5 puntos): exporanse durante as sesións de seminario.
Para seguir a modalidade de avaliación continua, será requisito indispensable a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de docencia interactiva ou expositiva.
Aqueles alumnos que a través destes apartados cumpran os requisitos mínimos e alcancen un mínimo de 5 puntos, aprobarían a materia. En caso contrario, poderán acollerse á modalidade de avaliación final.
B) AVALIACIÓN FINAL.
Calquera alumno (tanto con matrícula ordinaria como con matrícula a tempo parcial) terá dereito a seguir a avaliación final, aínda que inicialmente optase por realizar a avaliación continua. Esta avaliación terá en conta unicamente o resultado obtido na realización dunha proba obxectiva dos contidos de toda a materia. A nota recibida neste exame supoñerá o 100 % da cualificación da materia e conseguirase o aprobado ao alcanzar un mínimo de 5 puntos. Esta proba obxectiva coincidirá coas oportunidades oficiais de xuño e xullo.
A cualificación de “Non Presentado” figuraralle a aqueles alumnos que, non aprobando seguindo a modalidade de avaliación continua, non se presenten á proba final das correspondentes oportunidades oficiais.