General description |
A materia "Organización e Autonomía dos Centros Escolares" impártese no 1º cuadrimestre.
Esta materia busca desenvolver no alumnado capacidades de análise, avaliación, interpretación, actuación e reflexión sobre a organización e a autonomía dos centros escolares. Pártese de que os centros son institucións complexas, reguladas por normas comúns, pero tamén dotados de características singulares que requiren da elaboración, desenvolvemento e seguimento de proxectos educativos propios. Isto fai que sexan espazos privilexiados para o desenvolvemento profesional e institucional, a práctica da democracia e o compromiso constante coa mellora da educación e coa equidade.
Con ela búscase comprender en que consiste a autonomía e que marxe de autonomía teñen en España e noutros países europeos os centros escolares. Así mesmo, preténdese reflexionar sobre o modelo de dirección máis axeitado para promovela, as súas implicacións para o funcionamento dos centros, a medida en que permite responder á diversidade do alumnado e favorecer o desenvolvemento profesional do profesorado e o compromiso co funcionamento democrático dos centros e coa equidade. O seu contido garda relación con boa parte das asignaturas do Mestrado.
|