As instrucións para o desenvolvemento das actividades propostas e os seus criterios específicos de avaliación serán oportunamente comunicados polo profesor responsábel a través do Moodle e expostos na sala de aulas.
Todas as actividades deberán cumprir unhas exixencias mínimas de corrección lingüística (ortografía, puntuación, concordancia sintáctica, ausencia de reiteracións, precisión léxica, rexistro formal…); no caso de deficiencias lingüístico-expresivas, estas poderán ser penalizadas na cualificación. Todas as actividades deberán ser realizadas e entregadas de acordo cos prazos e cos procedementos fixados no cronograma que o profesor fornecerá ao alumnado no inicio das sesións e pendurará na plataforma Moodle.
Para superar a materia será necesario obter como mínimo unha nota de 4 valores, sobre 10, nos traballos tutelados.
Recibirán a cualificación de non presentado os/as estudantes que non presenten ningunha das actividades incluídas no sistema de avaliación.
Na segunda oportunidade (convocatoria de xullo), o alumnado será avaliado co mesmo sistema previsto para a primeira oportunidade. Deberá realizar aquelas actividades non entregadas na primeira convocatoria, ou que non obtiveron como mínimo o 40% da nota máxima de cada actividade. A data de entrega das actividades será anunciada polo profesor con antecedencia suficiente.
O alumnado a tempo parcial ou con dispensa académica deberá contactar co profesor no inicio do cuadrimestre e terá o seguinte sistema de avaliación: traballo tutelado (60%) e lecturas (40%). O traballo tutelado versará sobre os mesmos temas e terá unha estrutura análoga á prevista para a primeira convocatoria. O alumnado con dificultades para asistir ás sesións presenciais deberá comunicalo ao profesor antes do inicio das aulas. Unha vez comprobada a súa situación, poderá optar ás mesmas condicións de avaliación que o alumnado con dispensa académica.
Na convocatoria adiantada de decembro será aplicado o mesmo sistema de avaliación indicado para o alumnado a tempo parcial ou con dispensa académica. O alumnado deberá contactar co profesor antes do mes de novembro.
Os traballos presentados polo alumnado poderán ser incorporados ao Turnitin, ferramenta para a detección do plaxio así como de traballos previamente presentados nesta ou noutras universidades, incluso polo/a mesmo/a alumno/a. En caso de que se produza algunha destas circunstancias, poderán ser aplicadas as medidas contempladas nas "Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos estudos de grao e mestrado universitario da Universidade da Coruña" (artigo 14.4). A falta de honradez académica conlevará a cualificación de 0 na actividade concreta.
A materia poderá ser adaptada ao estudantado que precise da adopción de medidas encamiñadas ao apoio á diversidade consonte ás indicacións da Unidade de Atención á Diversidade (https://www.udc.es/cufie/ADI/), coa que se deberá contactar nos prazos estabelecidos por esta unidade. Pódese contar tamén co asesoramento da titora ADI da Facultade (pat.filoloxia@udc.gal).