Descrición xeral |
A dirección de centros educativos é un dos temas máis complexos e controvertidos no campo educativo actual. As causas hai que buscalas mesmo na velocidade dos cambios no sistema educativo, como na indefinición dunha figura transcendental para o bó funcionamento dun centro escolar. A todo iso hai que engadir o incremento das responsabilidades que nos últimos anos se teñen sumado en forma de esixencias lexislativas e formativas, que hai que unir ás demandas de renovación das técnicas de xestión organizativa necesarias para desenvolver a función directiva con eficacia e eficiencia; de maneira que poida axustarse ás novas demandas institucionais, sociais e educativas, que se lle veñen esixindo de maneira persistente. Estás son algunhas das razóns que explican a orientación da materia “A construción Histórica do sistema educativo: políticas educativas, reformas e dirección escolar”. A formación, información e profesionalización dos directores escolares, xestores e docentes, garantindo o coñecemento, orixe e natureza da súa función, así como a súa preparación para o exercicio dunha das funcións que representan un factor fundamental de calidade de calquera organización educativa. Esixencias plantexadas para o mellor desenvolvemento da autonomía dos centros, a rendición de contas no uso dos recursos e o reforzo da capacidade de xestión na dirección dos centros. |