Descrición xeral |
Didáctica da lingua castelá (cód. 652G01018) é unha materia obrigatoria do 2º curso do Grao en Educación Infantil. En colaboración con Didáctica da lingua galega (cód. 652G01015), pretende capacitar o/a futuro/a docente para que, cando exerza, poida cumprir os obxectivos formativos propios da área de coñecemento «Comunicación e representación da realidade» (a primeira das tres en que se articula o currículo da etapa).
Non fai falla ponderar a importancia que a Didáctica da Lingua reviste para quen aspira á docencia. Abondará con advertir que é proporcional á que para o/a neno/a encerra o pleno desenvolvemento das súas habilidades lingüísticas. Nacida como instrumento para a exteriorización das necesidades do organismo, a linguaxe transfórmase en chave dun mundo intelectual que se superpón ao mundo material no que asentamos os nosos pés. Os humanos non vivimos soamente no universo físico, senón tamén, como dixo o filósofo Ernst Cassirer, nun universo simbólico. O noso medio ambiente non está constituído de xeito exclusivo por obxectos naturais, senón tamén por obxectos culturais —se así se pode dicir— que «viven» na palabra e aos que só podemos acceder por medio da palabra: os costumes, as leis, os mitos, as lendas, os saberes científicos... De non ser pola conquista da linguaxe (oral ou signada, primeiro; escrita, despois), o/a neno/a viviría nun perpetuo desterro, á marxe de todas esas dimensións (especificamente humanas) da realidade. O/a docente debe, como é obvio, acompañalo na súa loita; debe ser para el/ela un modelo e un acicate. Ora ben, non pode cumprir ese papel se carece da formación necesaria; de aí que a presenza da glotodidáctica nos estudos de Maxisterio sexa unha necesidade universalmente recoñecida. |