O sistema de cualificacións expresarase mediante cualificación numérica de acordo co establecido no artigo 5 do Real Decreto 1125/2003 de 5 de setembro (BOE nº 224 de 18 de setembro de 2003), polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. Sistema de cualificacións: 0-4.9=Suspenso, 5-6.9=Aprobado, 7-8.9=Notable, 9-10=Sobresaliente/Matrícula de honra (Graciable).
A efectos desta materia, considerarase como Non presentado (NP) ao alumnado que non participe na totalidade de actividades de avaliación continua, tendo en conta as condicións que figuran a continuación, e/ou que non se presente á proba mixta no período oficial de avaliación.
Para aprobar a materia, cada estudante debe participar activamente en todas as metodoloxías propostas, entregar todos os traballos solicitados e ter superadas cada unha das metodoloxías que conforman o proceso de avaliación da materia. Ademais, será necesario ter unha cualificación mínima de 2.5 puntos (sobre 5) puntos na Proba mixta, e só serán tidas en conta para a cualificación final as notas das outras metodoloxías, se a/o alumna/o acada a devandita puntuación na Proba mixta. En caso contrario, a nota da primeira oportunidade (febreiro) corresponderase coa nota obtida na Proba mixta. As notas obtidas no resto de metodoloxías serán tidas en conta para a súa cualificación na segunda oportunidade (xullo), no caso de telas aprobadas e superada a Proba mixta nesta oportunidade.
Valorarase a puntualidade e a asistencia obrigatoria a todas as horas presenciais das metodoloxías que computan para a avaliación da materia. Só se considerarán ausencias xustificadas as relacionadas coa atención sanitaria ou causa de forza maior. En todo caso, debe xustificarse a ausencia documentalmente.
No caso de non superación da materia na primeira oportunidade da convocatoria (febreiro) pola ausencia non xustificada nas Prácticas de laboratorio, non se poderá superar a materia na segunda oportunidade (xullo), e a/o estudante terase que presentar na seguinte convocatoria, ao tratarse de actividades que, pola súa natureza, non son recuperables na segunda oportunidade (tal e como recollen as Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos estudos de grao e mestrado universitario da Universidade da Coruña, aprobadas polo Consello de Goberno do 19 de decembro de 2013 e modificadas por última vez no Consello de Goberno do 29 de xuño de 2017).
Segundo a Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo do alumnado de grao e mestrado universitario na Universidade da Coruña (aprobada no Consello Social do 4 de maio de 2017), cando un(ha) estudante teña recoñecida a súa condición de matrícula a tempo parcial, ten dereito a gozar dun réxime de asistencia a clase de carácter flexible e a solicitar a dispensa académica especial establecida no artigo 4 (apartado 5) da devandita norma, en tanto non afecte negativamente ao proceso de avaliación da/o estudante. A ese efecto, as Comisións Académicas dos diferentes centros da UDC concretan o alcance da citada dispensa. Por tanto, a concesión á solicitude da devandita flexibilidade quedará a expensas da valoración e decisión da Comisión académica do Grao en Terapia Ocupacional, tendo en conta as metodoloxías e criterios de avaliación das materias.
A
realización fraudulenta das probas ou actividades de avaliación, unha
vez comprobada, implicará directamente a cualificación de suspenso na
convocatoria en que se cometa: o/a estudante será cualificado con
“suspenso” (nota numérica 0) na convocatoria correspondente do curso
académico, tanto se a comisión da falta se produce na primeira
oportunidade como na segunda. Para isto, procederase a modificar a súa
cualificación na acta de primeira oportunidade, se fose necesario.
Asemade, o docente responsable resérvase a posibilidade de realizar algún cambio na avaliación ou noutros aspectos da materia, que serán notificados ao estudantado coa suficiente antelación.