Guia docenteCurso
Facultad de Sociología
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Mestrado Universitario en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos(plan 2016)
 Asignaturas
  Turismo e desenvolvemento sostible: A calidade dos destinos e produtos turísticos
   Avaliación
Metodoloxías Competencias Descrición Cualificación
Solución de problemas A2 A6 B2 B3 B5 B10 B11 C3 40
Sesión maxistral A1 A11 A2 A5 A6 A8 B5 B8 B10 B12 C3 C5 C4 C7 20
Traballos tutelados A11 A2 A6 A7 B2 B3 B5 B10 B9 B11 C1 C3 C4 40
 
Observacións avaliación
A avaliación desta materia realízase da seguinte forma:

-A asistencia e participación activa nas clases (20%) é obrigatoria e valórase tendo en conta a involucración do alumnado nas sesións presenciais (modalidade presencial) ou a participación activa e razoada nos foros/chats virtuais ou similares (modalidade online), salvo os alumnos con recoñecemento de dedicación a tempo parcial e dispensa académica de exención de asistencia.

-O problema/exercicio final de contido (40%) é obrigatorio e individual e consiste na realización dunha proba de coñecementos sobre o contido da materia ao que hai que dar resposta xustificada a unha serie de preguntas curtas. Este exercicio adoita estar dispoñible habitualmente a partir da última clase da materia e, posteriormente, entregarase no prazo máximo de 15 días (1ª oportunidade) ou como mínimo 15 días antes do peche de actas do mes de xullo (2ª oportunidade).

-O traballo tutelado (40%) ten carácter voluntario e, para iso, o alumno ten que elixir antes da última clase se opta ou non pola realización do mesmo que no caso final de non entregalo terá unha repercusión negativa na nota final de un punto (-1). Pódese realizar de forma individual (alumnos da modalidade online) ou en grupo de 2-3 persoas (alumnos da modalidade presencial ou tamén alumnos online) e versará sobre un estudo dun caso concreto, unha proposta de desenvolvemento sostible para o turismo dunha zona ou actividade concreta, sobre a creación e o desenvolvemento dun sistema de xestión da calidade dun destino e/ou produto turístico (por exemplo unha marca de calidade) ou calquera outro tema relacionado coa materia que o alumno considere do seu interese. En calquera caso, ao optar por esta alternativa de avaliación o alumno ten que propoñer a temática do traballo para realizar e o profesor da materia comunicará a aceptación do mesmo, a súa modificación ou a necesidade dunha nova formulación. A entrega final realizarase durante a primeira quincena do mes de decembro (1ª oportunidade) ou como mínimo 15 días antes do peche de actas do mes de xullo (2ª oportunidade). Posteriormente, facilítase máis información sobre posibles temáticas e unha orientación da estrutura do seu contido.

É importante ter en conta que as alternativas de avaliación escollidas polo alumno para a primeira oportunidade manteranse tamén para a segunda oportunidade.

Durante a primeira quincena do mes de xaneiro facilitaranse as cualificacións finais provisionais e unha posible data de revisión/discusión das mesmas na segunda quincena (1ª oportunidade); así como, aproximadamente unha semana antes do peche de actas no mes de xullo (2ª oportunidade). Estas datas son orientativas e poden sufrir algunha variación, previo aviso ao alumnado.

Con todo, e a pesar do sistema de avaliación proposto anteriormente, ao comezo do curso académico, na presentación da materia, pódese expor outro tipo de repartición porcentual entre as distintas metodoloxías. Por outra banda, poderanse obter cualificacións adicionais en función do exposto no seu momento polo profesor da materia.



TRABALLO TUTELADO. O TURISMO E A CALIDADE DOS DESTINOS E PRODUTOS TURÍSTICOS

Un exemplo aclaratorio dun posible traballo tutelado podería ser a creación dunha marca de calidade para a xestión da calidade dos establecementos hostaleiros da zona de viños da Coruña. Nestes casos concretos, e de forma orientativa, os distintos apartados do traballo poderían ser:
-RESUMO (unha moi breve referencia explicativa do contido do traballo)
-INTRODUCIÓN (interese e xustificación do tema elixido, contextualización do traballo, obxectivos que se perseguen, beneficios, viabilidade, metodoloxía, ...)
-DEFINICIÓN DO DESTINO/PRODUTO TURÍSTICO (obxecto, campo de aplicación, beneficios/inconvenientes, enfoque, ...)
-XESTIÓN DA CALIDADE DO DESTINO/PRODUTO TURÍSTICO
*OBXECTIVO E DEFINICIÓN DO SISTEMA/MARCA DE CALIDADE
*ENTE XESTOR E/Ou NORMALIZADOR
*REQUISITOS DO SISTEMA/MARCA E DO SELO
*PROCESO DE IMPLANTACIÓN DO SISTEMA/MARCA
*PROCESO CERTIFICADOR
*SEGUIMENTO E CONTROL ... ... ... ...
-CONCLUSIÓNS E REFLEXIÓNS PERSOAIS
-BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA
-ANEXOS

Outros exemplos aclaratorios poderían ser a creación dunha marca de calidade para dinamización dunha zona concreta (véxase a Marca ...REFUXIOS DO MANDEO... -www.riomandeo.com- ou a Marca de Calidade para o Petisco de Lechazo en Traspinedo -Valladolid-, ...). Exemplos máis complexos son o caso da Marca Q de Calidade Turística para os distintos subsectores turísticos (www.calidadturistica.es). Outros traballos de distinta tipoloxía poderían ser unha análise da importancia da calidade no turismo, unha investigación da calidade percibida polo cliente, ... En calquera caso, deixamos liberdade e desenvolvemento da creatividade por parte do alumno para propoñer un traballo na temática desta materia.

O traballo ten que ser de elaboración persoal/grupal e, en todo caso, poderá conter un resumo de datos, non unha simple copia e pega de datos consultados. Será necesario indicar tamén no propio texto as fontes bibliográficas consultadas e ao final do documento recollelas todas elas no apartado de bibliografía.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes