Guía DocenteCurso
Facultade de Economía e Empresa
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Economía
 Asignaturas
  Métodos Estatísticos e Introdución á Econometría
   Avaliación
Metodoloxías Competencias Descrición Cualificación
Solución de problemas A9 B3 C7 Os alumnos resolverán problemas prácticos a través dos coñecementos adquiridos; realizaranse na aula, de forma individual ou en grupo, e nas datas e formas que se detallarán na sesión de actividades iniciais. Esta metodoloxía será de aplicación na parte de Métodos Estatísticos. 15
Obradoiro A7 A10 B1 Os alumnos deberán ter presenza activa nestas clases e deberán resolver e entregar os exercicios que lles sexan propostos. Esta metodoloxía será de aplicación na parte de Introdución á Econometría. 15
Proba obxectiva B4 B5 B6 B7 C1 Ao longo do curso realizaranse dúas probas obxectivas, unha para a parte de Métodos Estatísticos e outra para a parte de Introdución á Econometría. O peso destas probas na nota final e os requisitos necesarios para aprobar a materia explícanse máis adiante no apartado de observacións. 70
 
Observacións avaliación

CUESTIÓNS XERAIS

A materia ten dous contidos ben diferenciados: Métodos Estatísticos e Introdución á Econometría. A cada parte correspóndelle o 50% da cualificación total.

A cualificación de cada alumno calcularase combinando as probas de avaliación anteriormente descritas. A cualificación agregada para o conxunto da materia obtense do seguinte modo:

- Actividades de avaliación durante a docencia de Métodos Estatísticos (incluídas en 'solución de problemas'): supoñen un 15% da nota final (máximo 1,5 puntos). Basearanse na participación activa do alumno nas clases prácticas e na resolución de problemas e exercicios na aula, na forma que se detallará ao comezo das clases de Métodos Estatísticos.

- Exame final para a parte de Métodos Estatísticos: suporá un 35% da nota final (máximo 3,5 puntos). Ademais das dúas oportunidades a final de curso que contempla a normativa xeral do centro, haberá unha proba obxectiva liberatoria a mediados do cuadrimestre, nunha data que se anunciará ao principio do período de clases.

- Actividades de avaliación durante a docencia de Introdución á Econometría (incluídas en 'obradoiro'): supoñen un 15% da nota final (máximo 1,5 puntos). Basearanse na participación activa do alumno nas clases prácticas e na resolución de controis, problemas e exercicios na aula, na forma que se detallará ao comezo das clases de Introdución á Econometría.

- Exame final para a parte de Introdución á Econometría: suporá un 35% da nota final (máximo 3,5 puntos). Ademais das dúas oportunidades a final de curso que contempla a normativa xeral do centro, haberá unha proba obxectiva liberatoria a finais do cuadrimestre, nunha data que se anunciará a mediados do período de clases.

 


PROCEDEMENTO DE AVALIACIÓN

 


A) Ao final do período de clases

 


A.1) Ao final do período de clases cada alumno terá:

a) Unha cualificación provisional para a parte de Métodos Estatísticos, que variará entre cero e cinco puntos (sobre dez), e que se obterá coas diferentes actividades de avaliación durante o período de clases e o exame liberatorio desta parte da materia.

b) Unha cualificación provisional para a parte de Introdución á Econometría, que variará entre cero e cinco puntos (sobre dez), e que se obterá coas diferentes actividades de avaliación durante o período de clases e o exame liberatorio desta parte da materia.

c) Unha cualificación provisional para o conxunto da materia, obtida como suma das anteriores, e que por tanto variará entre cero e dez puntos (sobre dez).

A.2) Na lista que se publicará figurará a cualificación numérica final do alumno, no caso de que teña toda a materia aprobada, ou a(s) parte(s) que terá que repetir no exame de primeira oportunidade (maio/xuño), se non a ten. Pódense dar catro posibilidades:

a) Ter aprobada toda a materia.

b) Ter liberada a parte de Métodos Estatísticos e suspensa a parte de Introdución á Econometría.

c) Ter suspensa a parte de Métodos Estatísticos e liberada a parte de Introdución á Econometría.

d) Ter suspensa toda a materia.

A.3) Terán aprobada toda a materia os alumnos que satisfagan conxuntamente os seguintes requisitos:

a) Ter unha cualificación mínima de cinco puntos no conxunto da mesma.

b) Ter en cada unha das partes da materia:

(b.1) unha cualificación total mínima de dous puntos;

(b.2) unha cualificación mínima dun punto no exame liberatorio.

Os alumnos que cumpran estes requisitos ao final do período de clases estarán aprobados, e non terán que presentarse a ningún exame adicional.

A.4) Terán liberada unha parte da materia os alumnos que obteñan unha cualificación mínima de 2,5 puntos na mesma, sexa cal for a cualificación que teñan na outra parte. Os exames finais de primeira e segunda oportunidade terán dous partes, unha para Métodos Estatísticos e outra para Introdución á Econometría. Se un alumno ten unha parte de materia liberada ao final do período de clases, na primeira ou segunda oportunidade só terá que facer o exame da parte suspensa.

A.5) Os liberados dunha parte da materia unicamente son válidos para o curso académico actual. Se un alumno que ten liberada unha parte non consegue aprobar a materia no seu conxunto nas oportunidades de maio/xuño ou de xullo, a súa cualificación final será suspenso, e terá que repetir toda a materia nos seguintes cursos académicos.

Lémbrase que os requisitos para aprobar a totalidade da materia son os que figuran no apartado (A.3).

A.6) Terán suspensa toda a materia os alumnos que non cumpran os requisitos contemplados nos apartados (A.3) ou (A.4). Se estas persoas deciden presentarse á oportunidade de maio/xuño, deberán facer os exames das dúas partes, Métodos Estatísticos e Introdución á Econometría. A nota de cada un destes exames substituirá á do correspondente exame liberatorio, a efectos de volver comprobar se se cumpren os requisitos apuntados nos apartados (A.3) ou (A.4).

Se por calquera motivo, un alumno que ten toda a materia suspensa unicamente realizase o exame dunha das partes, considerarase que tamén fixo o da outra e que o deixou en branco, co que será cualificado cun cero na parte que non fixo.

Cando a media das cualificacións obtidas en ambas as partes da materia, superasen o cinco, pero una das partes estea suspensa, e por extensión a materia no seu conxunto, a nota numérica en ningún caso superará o 4,5 na cualificación das actas.

A.7) Para que as actividades de avaliación durante o período de clases (é dicir, as incluídas en 'solución de problemas' e 'obradoiro') sexan computadas nas notas que figurarán nas actas oficiais, os alumnos deben alcanzar un mínimo dun punto en cada un dos exames das dúas partes da materia. Se ese mínimo dun punto non se alcanzase nalgunha das dúas, ou en ningunha, a cualificación que figurará nas actas oficiais será a suma das notas dos dous exames.

A.8) Todos os alumnos que se presentaron a actividades de avaliación (tanto probas durante as clases como calquera tipo de exame liberatorio ou final) que supoñan un mínimo do 20% da nota final, terán a cualificación numérica correspondente nas actas oficiais. Seguindo a normativa aprobada por Xunta de Facultade, só serán cualificados con 'Non Presentado' as persoas que unicamente se presentaron a actividades que en conxunto supoñan menos do 20% da nota final.

A.9) Os alumnos que o desexen poderán presentarse a subir nota no exame final da materia, previa notificación ao profesor e autorización por parte deste. Os alumnos que teñan aprobada toda a materia poden presentarse á totalidade da materia ou só a unha parte da mesma, á súa elección. As persoas que teñan unha parte suspensa poderán presentarse a subir a nota da outra parte, pero non terán a materia aprobada mentres non cumpran os requisitos establecidos no punto (A.3).

En ningún caso un alumno poderá presentarse a subir nota na oportunidade de xullo.

B) Oportunidades de maio/xuño e de xullo

Aplicarase o procedemento descrito con detalle nos apartados (A.1) a (A.9). En cada nova oportunidade elimínase a nota do exame anterior (a do exame liberatorio na oportunidade de maio/xuño, a do exame de maio/xuño na oportunidade de xullo), substitúese pola nova nota, e mantéñense as notas das distintas actividades de avaliación na aula e, se a houbese, da parte liberada. A continuación verifícase se o alumno satisfai os requisitos recolleitos no punto (A.3), e cualifícase en consecuencia.
   

 

Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes