Guía DocenteCurso
Facultade de Economía e Empresa
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Administración e Dirección de Empresas
 Asignaturas
  Estatística e Introdución á Econometría
   Avaliación
Metodoloxías Competencias Descrición Cualificación
Aprendizaxe colaborativa A8 A11 A12 B2 B3 B4 B5 B10 C1 C4 C6 C7 Os alumnos formarán equipos, e cada equipo terá que responder, de forma colectiva e nun tempo limitado, a unha serie de preguntas sobre os contidos teóricos e teórico-prácticos do programa. 6
Solución de problemas A3 A4 A6 A8 A11 B2 B3 B4 B5 C1 C4 C6 C7 Os alumnos terán que resolver e entregar boletíns personalizados de problemas, nas datas e forma que se detallarán na sesión de actividades iniciais. O peso destes problemas na nota final e os requisitos necesarios para aprobar a materia explícanse máis adiante no apartado de observacións. 9
Obradoiro A3 A6 A8 A9 A11 A12 B3 B4 B5 C6 C7 Os alumnos deberán participar activamente, e resolver e entregar os exercicios que lles sexan propostos nestas clases. 15
Proba obxectiva A3 A4 A6 A8 A10 A11 B2 B3 B4 B5 C1 C4 C6 C7 Ao longo do curso realizaranse dúas probas obxectivas, unha para a parte de Estatística e outra para a parte de Introdución á Econometría. O peso destas probas na nota final e os requisitos necesarios para aprobar a materia explícanse máis adiante no apartado de observacións. 70
 
Observacións avaliación

CUESTIÓNS XERAIS

A cualificación de cada alumno calcularase combinando os resultados da avaliación continua ao longo do período lectivo, e a nota que obteña no exame final. A avaliación continua supón un 30% da cualificación, e o exame final o restante 70%. A materia ten dous contidos ben diferenciados, Estatística e Introdución á Econometría, e a cada parte correspóndelle o 50% da cualificación.

A cualificación agregada para o conxunto da materia obtense do seguinte modo:

- Avaliación continua na parte de Estatística: representa un 15% da nota final (máximo 1,5 puntos), e basearase en: 1) Boletíns de problemas personalizados, que suporán un 9% (0,9 puntos) da nota final, e que se han de entregar nas datas e forma que se detallarán ao principio do período de clases; 2) Unha proba por equipos sobre aspectos teóricos e teórico-prácticos do programa, que suporá un 6% (0,6 puntos) da nota final, e cuxos detalles se explicarán nas primeiras semanas do período de clases.

- Exame final para a parte de Estatística: suporá un 35% da nota final (máximo 3,5 puntos). Ademais das dúas oportunidades que contempla a normativa xeral do centro, haberá unha proba obxectiva liberatoria a mediados do cuadrimestre, nunha data que se anunciará ao principio do período de clases.

- Avaliación continua na parte de Introdución á Econometría: supón un 15% da nota final (máximo 1,5 puntos), e basearase na participación activa do alumno nas clases prácticas e na resolución de controis, problemas e exercicios na aula, na forma que se detallará ao comezo das clases de Introdución á Econometría.

- Exame final para a parte de Introdución á Econometría: suporá un 35% da nota final (máximo 3,5 puntos). Ademais das dúas oportunidades que contempla a normativa xeral do centro, haberá unha proba obxectiva liberatoria a finais do cuadrimestre, nunha data que se anunciará a mediados do período de clases.

PROCEDEMENTO DE AVALIACION

A) Ao final do período de clases:

A.1) Ao final do período de clases cada alumno terá:

a) Unha cualificación provisional para a parte de Estatística, que variará entre cero e cinco puntos, e que se obterá coas actividades da avaliación continua e o exame liberatorio desta parte.

b) Unha cualificación provisional para a parte de Introdución á Econometría, que variará entre cero e cinco puntos, e que se obterá coas actividades da avaliación continua e o exame liberatorio desta parte.

c) Unha cualificación provisional para o conxunto da materia, obtida como suma das anteriores, e que por tanto variará entre cero e dez puntos.

A.2) Na lista que se publicará figurará a cualificación numérica final do alumno, no caso de que teña toda a materia aprobada, ou a(s) parte(s) que terá que repetir na oportunidade de xaneiro (grao de ADE) ou de maio (dobre grao de ADE e Dereito), se non a ten. Pódense dar catro posibilidades:

a) Ter aprobada toda a materia.

b) Ter liberada a parte de Estatística e suspensa a parte de Introdución á Econometría.

c) Ter suspensa a parte de Estatística e liberada a parte de Introdución á Econometría.

d) Ter suspensa toda a materia.

A.3) Terán aprobada toda a materia os alumnos que satisfagan conxuntamente os seguintes requisitos:

a) Ter unha cualificación mínima de cinco puntos no conxunto da mesma.

b) Ter en cada unha das partes:

(b.1) unha cualificación total mínima de dous puntos;

(b.2) unha cualificación mínima dun punto no exame liberatorio.

Os alumnos que cumpran estes requisitos ao final do período de clases estarán aprobados, e non terán que presentarse a ningún exame máis.

A.4) Terán liberada unha parte da materia os alumnos que obteñan unha cualificación mínima de 2,5 puntos na mesma, sexa cal for a cualificación que teñan na outra parte. Os exames finais das oportunidades de xaneiro (ADE), de maio (ADE e Dereito) e de xullo terán dous partes, unha para Estatística e outra para Introdución á Econometría. Se un alumno ten unha parte de materia liberada ao final do período de clases, nas oportunidades de xaneiro / maio ou de xullo só terá que facer o exame da parte suspensa.

A.5) Os liberados dunha parte da materia unicamente son válidos para o curso actual. Se un alumno que ten liberada unha parte non consegue aprobar a materia no seu conxunto nas oportunidades de xaneiro / maio ou de xullo, a súa cualificación final será suspenso, e terá que repetir toda a materia nos seguintes cursos académicos.

Lémbrase que os requisitos para aprobar a totalidade da materia son os que figuran no apartado (A.3).

A.6) Terán suspensa toda a materia os alumnos que non cumpran os requisitos contemplados nos apartados (A.3) ou (A.4). Se estas persoas deciden presentarse á oportunidade de xaneiro / maio, deberán facer os exames das dúas partes, Estatística e Introdución á Econometría. A nota de cada un destes exames substituirá á do correspondente exame liberatorio, a efectos de volver comprobar se se dan os requisitos apuntados nos apartados (A.3) ou (A.4).

Se por calquera motivo un alumno que ten toda a materia suspensa só fixese o exame dunha das partes, considerarase que tamén fixo o da outra e que o deixou en branco, co que será cualificado cun cero na parte que non fixo.

A.7) As persoas cuxa nota total sexa igual ou superior a cinco puntos pero que teñan unha parte suspensa por non cumprir algún dos requisitos sinalados no punto (b) do apartado (A.3), serán cualificados nas actas oficiais con catro coma cinco (4,5) puntos. Tamén terán dita cualificación as persoas que, sen chegar ao aprobado, teñan unha nota agregada superior a 4,5.

A.8) Todos os alumnos que se presentaron a actividades - de avaliación continua ou calquera tipo de exame liberatorio ou final - que supoñan un mínimo do 20% da nota final, terán unha cualificación numérica nas actas oficiais. Seguindo a normativa aprobada pola Xunta de Facultade, só serán cualificadas con Non Presentado as persoas que unicamente se presentaron a actividades que en conxunto supoñan menos do 20% da nota final.

A.9) Os alumnos que o desexen poderán presentarse a subir nota na oportunidade de xaneiro / maio, e soamente na oportunidade de xaneiro / maio, previa notificación ao profesor e autorización por parte deste. Os alumnos que teñan aprobada toda a materia poden presentarse á totalidade da materia ou só a unha parte da mesma, á súa elección. As persoas que teñan unha parte suspensa poderán presentarse a subir a nota da outra parte, pero non terán a materia aprobada mentres non cumpran os requisitos establecidos no punto (A.3).

En ningún caso un alumno poderá presentarse a subir nota na oportunidade de xullo.

B) Oportunidades de xaneiro / maio e de xullo:

Aplicarase o procedemento descrito con detalle nos apartados (A.1) a (A.9). En cada nova oportunidade elimínase a nota do exame anterior (a do exame liberatorio na oportunidade de xaneiro / maio, a do exame de xaneiro / maio na oportunidade de xullo), substitúese pola nova nota, e mantéñense as notas da avaliación continua e, se a houbese, da parte liberada. A continuación verifícase se o alumno satisfai os requisitos recolleitos no punto (A.3), e cualifícase en consecuencia.

C) Oportunidade adiantada:

A cualificación agregada determinarase mediante unha proba obxectiva que se celebrará na data que estableza o centro. A proba obxectiva cualificarase sobre un máximo de dez puntos, dos cales a parte de Estatística supoñerá un máximo de cinco puntos e a parte de Introdución á Econometría un máximo de cinco puntos. Para aprobar a materia será necesario cumprir os dous seguintes requisitos:

a) Unha cualificación total mínima de cinco puntos.

b) Unha cualificación mínima de dous puntos en cada unha das partes.

Estas condicións de avaliación son específicas para a oportunidade adiantada e só aplicaranse nese caso.

D) Alumnado con recoñecemento de dedicación a tempo parcial e dispensa académica de exención de asistencia:

Aplicaránselle as mesmas normas de avaliación que aos alumnos matriculados a tempo completo. Os alumnos con recoñecemento de dedicación a tempo parcial están exentos da asistencia a clase, pero teñen a mesma obrigación de acudir a calquera tipo de proba de avaliación, sexa de avaliación continua ou un exame final, que o alumnado a tempo completo.

Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes