Teaching GuideTerm
Faculty of Sport Sciences and Physical Education
  Home | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
 Asignaturas
  Fisioloxía do exercicio I
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Proponse unha actividade de avaliación inicial sobre coñecementos previos necesarios para progresar adecuadamente na materia. Se existisen deficiencias, daríanse a orientación e os consellos necesarios para superalos durante as titorías de grupo grande ou de forma personalizada.

Con anterioridade á primeira sesión maxistral, o alumnado deberá ler a Guía Docente da materia e responder exitosamente a un cuestionario sobre a mesma.

Na primeira sesión maxistral presentarase a materia e resolveranse as cuestións que expoñan os alumnos sobre a mesma e de maneira específica sobre os aspectos da Guía Docente que precisen aclaracións.

Proporcionaranse orientacións e consellos xerais para o estudo adecuado da materia.

Tentaranse coñecer as motivacións e intereses do alumnado respecto da materia.
Sesión maxistral Serán sesións de grupo grande (60 alumnos).

A asistencia non será obrigatoria e non se terá en conta para a avaliación.

Previamente, os alumnos deberán ter preparados e lidos os materiais necesarios para a adquisición dos coñecementos e competencias correspondentes aos temas que se tratarán en cada sesión.

Na plataforma Moodle dispoñerán dos obxectivos detallados para cada tema e a bibliografía recomendada, así como doutros materiais de apoio: presentacións audiovisuais, lecturas básicas e complementarias e probas de avaliación.

Durante a sesión, o profesor irá explicando, coa axuda de recursos audiovisuais, os contidos nos que os alumnos atoparan dificultades. Para iso deberán manter unha participación activa, o que significa expor dúbidas razoadas xurdidas dun traballo previo de lectura e reflexión sobre os contidos.

Así mesmo, deberán responder de modo adecuado ás preguntas que formule o profesor ou calquera dos alumnos presentes na actividade e resolver as pequenas tarefas ou problemas que vaia expoñendo o profesor.

En todas ou algunhas das sesións, sen aviso previo, propoñerase aos alumnos a realización de probas obxectivas (entre 5 e 22 ao longo do cuadrimestre) sobre os contidos do tema tratado nesa mesma sesión ou nas precedentes. Os resultados obtidos teranse en conta para a cualificación final na modalidade de avaliación continua presencial.
Prácticas de laboratorio As prácticas de laboratorio realizaranse en grupos medianos (de 20 alumnos) e nelas abordarase o estudo de diversos contidos da materia coa axuda de maquetas e outros recursos.

A asistencia non será obrigatoria e non se terá en conta para a avaliación.

Previamente, os alumnos deberán ter preparados e lidos os materiais necesarios para a adquisición dos coñecementos e competencias correspondentes aos contidos que se tratarán en cada práctica.

Na plataforma Moodle dispoñerán dos obxectivos detallados para cada tema e de probas de avaliación.

Acudirán á práctica cos materiais que utilizaron no estudo previo.

O profesor atenderá dun modo personalizado ou en pequenos grupos aos alumnos a fin de axudarlles a resolver as dificultades que atopen.

Durante a práctica os alumnos deberán manter unha participación activa e cumprir os obxectivos e as tarefas que se propuxeron con antelación suficiente.

En todas ou algunhas das prácticas, sen aviso previo, propoñerase aos alumnos a realización de probas obxectivas (entre 8 e 10 ao longo do cuadrimestre) sobre os contidos do tema tratado nesa mesma práctica ou nas precedentes (se fose o caso). Os resultados obtidos teranse en conta para a cualificación final na modalidade de avaliación continua presencial.
Solución de problemas A través da plataforma Moodle, e só nalgúns temas, o profesor irá expoñendo problemas relacionados coa análise do comportamento de diferentes variables fisiolóxicas durante o esforzo, cálculos sobre intensidades de exercicio, gasto calórico, utilización de substratos, etc.

A participación e resolución destes problemas non serán obrigatorias nin computarán para a avaliación, a súa finalidade é contribuír á mellor comprensión e aplicación práctica dos coñecementos e as competencias adquiridos.

Con todo, os contidos e competencias traballados si serán obxecto de avaliación nas probas correspondentes.
Proba obxectiva A través da plataforma Moodle, os alumnos deberán realizar diferentes probas de avaliación que consistirán en cuestionarios online de entre 5 e 15 preguntas para a avaliación formativa e de 95 para os exames finais. Poderán ser de diferentes tipos: test de opción múltiple, verdadeiro-falso, de relacionar, de ordenar ou de completar. O tempo de realización será de 1 minuto por pregunta, coa excepción daquelas preguntas nas que se requira a realización de cálculos, nas que se facilitará un tempo maior.

Cada pregunta tipo test de opción múltiple terá 4 posibles respostas e puntuarase como segue: cada acerto valerá 1/nº de opcións verdadeiras e cada erro valerá -1/nº de opcións falsas. Desta forma, nunha pregunta con 1 opción verdadeira, o acerto valerá + 1 punto e cada erro - 0,33 puntos; con 2 opcións verdadeiras, cada acerto valerá + 0,50 e cada erro - 0,50 puntos; con 3 opcións verdadeiras, cada acerto valerá 0,33 e cada erro - 1 puntos; con catro opcións verdadeiras, cada acerto valerá + 0,25 puntos. No caso das preguntas de verdadeiro-falso ou de completar, cada acerto valerá + 1 punto e cada erro - 1 punto.

No apartado de "Avaliación" explícanse estas probas con maior detalle.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes