Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Infantil
 Asignaturas
  Didáctica da lingua castelán
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Sesión maxistral Nas aulas expositivas, o profesor presentará as liñas mestras dos diferentes puntos do temario, non só por medio da palabra, senón tamén —cando o estime conveniente— botando man dos medios audiovisuais que a Facultade pon ao seu dispor. Durante as exposicións, o alumnado deberá adoptar unha actitude atenta e respectuosa, mais este requisito —cómpre subliñalo— non é unha exhortación á pasividade. De feito, o profesor reclamará en moitas ocasións a participación do corpo estudantil, sexa chamándoo a facer preguntas, sexa pedíndolle respostas, sexa, cando o tema o aconsellar, invitándoo a expresar a súa opinión.
Lecturas O alumnado non debe facer das notas de aula as súas únicas fontes de información, pois tales documentos, dadas as súas condicións de produción, adoitan ser pouco satisfactorios na forma e pouco fiables canto ao contido. Cómpre adquirir o costume de consultar bibliografía científica, isto é, textos de autor coñecido e acreditado, publicados a través de canles que conten con filtros de acceso. Co propósito de contribuír a consolidación deste hábito, disponse que o estudo dos tres bloques temáticos da materia pase pola lectura de varios textos (non máis de dous por bloque) nos que se acharán desenvolvidos os contidos teóricos correspondentes.
Obradoiro Na xeneralidade das sesións interactivas (e tamén nalgunhas das expositivas), demandarase a participación do alumnado en actividades de diversa índole: debates, exercicios de solución de problemas, exercicios de comentario de texto, etc. Todas esas tarefas responderán a unha dupla finalidade: por unha banda, comprobar se os/as estudantes van incorporando á súa bagaxe intelectual as nocións teóricas presentadas polo profesor; por outra banda, convidalos/as a explorar a proxección de tales nocións no eido da práctica docente.
Proba de ensaio O propósito desta proba é verificar a asimilación dos contidos presentados nas sesións maxistrais e nos textos de lectura obrigatoria. Para responder ás preguntas (que en ningún caso serán máis de dúas), o alumnado terá que despregar todos os coñecementos atesourados na súa memoria, mais tamén —e sobre todo— a súa capacidade de relacionalos entre si e de aplicalos á descrición e o manexo de casos concretos. A teoría, que é unha dimensión irrenunciable do saber, non constitúe un fin en si mesma, senón unha ferramenta para descubrir a orde que subxace ao aparente caos dos fenómenos; con outras palabras: para facernos intelixible a realidade e facilitarnos, así, a intervención nela.
Traballos tutelados Ademais de participar nas actividades desenvolvidas en horas lectivas, o alumnado fará un traballo breve, que consistirá na resolución dun ou varios problemas de carácter teórico ou práctico, ou no comentario crítico dunha fonte documental (impresa ou audiovisual) que verse sobre algún dos puntos do temario. Durante o primeiro mes lectivo forneceranse pautas e directrices para a confección do traballo, que farán referencia a aspectos de contido e de forma. Axustarse ás instrucións non será unha opción, senón unha obriga. O seu incumprimento terá consecuencias graves a efectos de cualificación.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes