Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias da Educación
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Educación Social
 Asignaturas
  Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Destinadas a (re)coñecernos como protagonistas dos procesos de ensino e de aprendizaxe que se inician, a presentar e discutir as regras do xogo recollidas na guía docente, a identificar intereses e /ou motivacións do alumnado respecto dos obxectivos que se queren acadar, e a verbalizar preconceptos e saberes previos das alumnas e alumnos relacionados coa materia, dos que partir para favorecer aprendizaxes relevantes.
Análise de fontes documentais Utilización de documentos relevantes textuais (artigos, libros, novas de prensa, poemas, textos lexislativos...) e audiovisuais (documentais, curtas, filmes , fotografías, viñetas...) que faciliten e amplíen a comprensión dos conceptos básicos da materia, e permitan a elaboración de pensamentos razoados acerca da intervención socioeducativa.
Seguindo a Finkel (2008), trátase de deixar que falen os documentos, propoñendo actividades que permitan desentrañar o seu significado: mapas conceptuais, estudo de casos, recensións, diálogo reflexivo, seminarios, etc.
Sesión maxistral Destinada á exposición oral por parte da docente na que achegar o saber científico e disciplinar imprescindible para a decontrución e reconstrución crítica do coñecemento experiencial. Complementarsase co uso de recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e coa introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para favorecer o diálogo reflexivo. A finalidade é promover unha aprendizaxe transformadora, potenciando a participación do alumnado na construción significativa do coñecemento.
Discusión dirixida Fundaméntase na concepción da aprendizaxe como un proceso reflexo, dialóxico, un acto de (re)creación solidarizando a reflexión e a acción.
En base á análise previa de fontes documentais, promoverase o debate e contraste de opinións fundamentadas, a través das que: identificar dificultades na comprensión; promover a dúbida e o conflito, poñendo en tea de xuízo as crenzas e interpretacións iniciais; provocar o pensamento diverxente e recoller diferentes argumentacións; favorecer a conexión con experiencias vitais; etc. Todo coa finalidade de que o alumnado tome conciencia de interpretacións alternativas da realidade socioeducativa, se emancipe dos preconceptos e ideas erróneas, e reconstrúa criticamente novas formas de pensar, sentir e actuar.
Destinaranse á discusión dirixida tanto sesións expositivas como interactivas. Estas últimas organizaranse a modo de seminario aberto.
Simulación Práctica simulada de participación nunha convocatoria pública da Administración autonómica, na que se respectan as características formais e de contido, así como os requisitos habituais neste tipo de concursos. Ten como finalidade a inmersión nas competencias específicas da Educación Social relacionadas co deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de acción socioeducativa, así como co traballo en equipo, partindo dunha situación real o que entendemos supón un desafío motivador.
Esta proposta didáctica esixe poñer en relación as bases teóricas e metodolóxicas da materia para resolver un problema práctico (neste caso a elaboración dun programa), permitindo ademais recuperar e actualizar moitos dos saberes e destrezas adquiridos ao longo do Grao.
Dado a dimensión da proposta e a necesidade de promover unha aprendizaxe interdisciplinar, trátase dun traballo compartido coa materia Orientación Ocupacional, no que as docentes acompañarán aos grupos durante todo o proceso: asesorándoos tecnicamente, contribuíndo á autoorganización e autonomía, activando procesos reflexivos, problematizando decisións, incentivando argumentacións, reforzando as potencialidades, etc.
O proceso está marcado polos seguintes momentos: publicación simulada da convocatoria; inscrición dos equipos no concurso; deseño e presentación en prazo e forma do programa; defensa dos programas; actuación da comisión avaliadora; e resolución motivada do concurso.
Presentación oral Algunhas das actividades desenvolvidas serán expostas diante do grupo de referencia, procurando chegar a conclusións compartidas sobre o caso investigado, o documento ou experiencia analizada. Entre as actividades, o Programa de Acción Socioeducativa será presentado e defendido no grupo expositivo.
Unha das finalidades da presentación oral é favorecer a coavaliación e autoavaliación a través da contrastación de diferentes formas de resolver as mesmas actividades, permitindo identificar dificultades e potencialidades nos propios traballos, así como autorregular a propia aprendizaxe.
Obradoiro Proposta metodolóxica eminentemente práctica na que o alumnado se achegará ao coñecemento e aplicación de exercicios, xogos, técnicas e estratexias da metodoloxía do Teatro do Oprimido. Ten como finalidade promover a desmecanización física e intelectual, estimulando a discusión e a problematización de situacións da vida cotiá, a reflexión crítica sobre as relacións de poder que caracterizan as interaccións humanas, e a definición conxunta e “ensaio” de alternativas para a emancipación, sempre dende a perspectiva das propias persoas protagonistas.
Eventos científicos e/ou divulgativos Iimplican a asistencia e/ou participación en eventos científicos e/ou divulgativos (congresos, xornadas, simposios, cursos, seminarios, conferencias, exposicións, etc.), co obxecto de afondar no coñecemento de temas de estudo relacionados coa materia. Estas actividades proporcionan ao alumnado coñecementos e experiencias actuais que incorporan as últimas novidades referentes a un determinado ámbito de estudo.
Nas sesións expositivas e a través do Moodle poderase informar, tanto por parte da docente como do alumnado, de eventos de interese.
Aprendizaxe servizo Proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto onde o alumnado aprende ao traballar sobre necesidades reais da contorna co fin de mellorala. Ten unha tripla intencionalidade: pedagóxica, solidaria e reflexiva, integrándose no enfoque da educación para a cidadanía global.
Servíndose da cartografía social, a acción de APS diríxese a visibilizar a situación de persoas sen fogar, exreclusas e mulleres en situación de prostitución (realidades traballadas na materia) respecto do dereito ao hábitat na cidade da Coruña, en colaboración coa ONGD Arquitectura sen Fronteiras e o colectivo Galicia Emocional.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes