Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Os docentes farán unha descrición sucinta da materia e dos instrumentos bibliográficos pertinentes; a continuación, para saberen cómo encarar e planificar su labor docente, sondarán as ideas previas do alumnado por medio de preguntas e problemas.
Sesión maxistral Os docentes farán unha presentación breve, mais substanciosa, das cuestións nucleares da materia, esforzándose en todo momento por poñer de manifesto que as disquisicións teóricas non son simples logomaquias, senón que teñen gran relevancia para a planificación do traballo de aula. Que é a teoría de hoxe senón o que fica tras someter a práctica de onte a un proceso —descúlpese a metáfora— de filtrado e refinado?
Obradoiro Os docentes requirirán dos/as estudantes unha constante participación en actividades de diversa índole: debates, comentarios de texto, simulacións, etc. Sexan cales foren as tarefas que se leven a cabo, todas servirán a un dobre propósito: por unha banda, comprobar a familiaridade do alumnado cos principios expostos nas sesións maxistrais e recollidos na literatura recomendada; por outra banda, verificar ata que punto posúen a habilidade de convertelos en guieiros para a práctica docente.
Proba de ensaio Nun exercicio que terá lugar en data e hora sinaladas con antelación abonda, os/as estudantes deberán mostrar o seu grado de asimilación das nocións que se lles presentaron e, sobre todo, das pautas que se lles ofreceron ao longo da materia.