General description |
Con esta materia propoñémonos ofrecer orientacións sobre as vías de acceso ao exercicio profesional e, sobre todo, algúns criterios e modelos para o exercicio dos labores de programación e avaliación, que constitúen a cerna da profesión docente. Non temos, por suposto, a pretensión de receitar remedios específicos para todos e cada un dos problemas profesionais cos que ten que enfrontarse un docente. Se existen «fármacos» tales (cousa improbable, polo demais), nós ignoramos as súas fórmulas... O noso obxectivo é ben máis modesto. Consiste, por así o dicir, en botar a semente da reflexión metodolóxica, tanto máis necesaria canto máis precaria é a posición do docente nas aulas e menos segura a boa disposición do estudantado. Estamos certos de que, se nós logramos plantala, os nosos alumnos serán quen a facer que xermole e prenda, que é, no fin de contas, o que máis importa. |