Descrición xeral |
Históricamente, o estudo da Química dividiuse en grandes Áreas de Coñecemento, sendo unha delas a Química Inorgánica. Esta materia trata a investigación experimental e a interpretación teórica das propiedades e reactividade de tódolos elementos da táboa periódica, así como a de todos os compostos derivados deles. Polo que podemos dicir que dous dos aspectos máis característicos da Química Inorgánica son, por unha banda, a súa grande diversidade e, por outra, o seu carácter interdisciplinar.
O significado desta materia supera as fronteiras puramente académicas. Así, na nosa vida cotián, atopamos unha grande variedade de produtos inorgánicos que son comunmente empregados, destacando moitos deles pola súa importante implicación en procesos industriais e tecnolóxicos que contribúen decisivamente ao desenvolvemento da sociedade.
No plan de estudos do Grao en Química da UDC, e de acordo con criterios de organización académica, o ensino da Química Inorgánica Xeral prográmase no segundo curso a través de dúas materias de carácter teórico-práctico, Química Inorgánica 1 e Química Inorgánica 2. A Química Inorgánica 2 trata o estudo sistemático e a síntese dos elementos dos grupos 13 e 14 e dos elementos metálicos, así como o estudo da síntese e propiedades dos principais compostos derivados destes elementos.
Dende o punto de vista académico, asenta as bases para o estudo de materias avanzadas dentro da Área de Química Inorgánica, así como para a maioría das materias doutras áreas de coñecemento.
|