De todas as maneiras, na cualificación final da cadeira influirán variantes como a asistencia aular (imprescindíbel), a participación e a dispoñibilidade, isto é, o interese amosado e demostrado e un tamén amosado interese pola proposta de actividades, así como, noutro orde, a posíbel redacción de máis traballos complementares que, previamente anunciados nas aulas e de ser o caso, ben poderían configurar o desenvolvemento dun xuízo que podería basearse parcialmente no portafolio. A respecto dos alumnos e/ou alumnas matriculados e matriculadas a tempo parcial e que, deste xeito, conten con autorización do órgano competente, tamén deberán realizar o exame final pautado pola facultade e o traballo academicamente dirixido, amais de estaren suxeitos e/ou suxeitas á necesidade, no segundo caso, da súa exposición pública aular. Finalmente, e non en van o nome da cadeira é Lingua e Literatura Galega e a súa Didáctica, o alumnado debe demostrar unha óptima solvencia comunicativa e escrita en idioma galego, polo que se esixirá un uso lingüístico galego oral impecábel e cada erro ortográfico se penalizará coa rebaixa de 0,25 puntos. Tanto o alumnado da primeira oportunidade como o da segunda deberá realizar ambas probas: así, na primeira oportunidade de avaliación terán carácter de NON PRESENTADO(A) os alumnos ou as alumnas que non concorran á proba escrita e non realizasen o traballo dirixido e/ou os posibelmente propostos e anunciados nas aulas. Terán carácter de SUSPENSO(A) aqueles alumnos e aquelas alumnas que, amais de non demostraren unha solvencia impecábel no uso da lingua galega e de non amosaren un aproveitamento adecuado da materia; non se presenten á proba escrita aínda que realizasen a outra ou calquera das outras, mais de superaren a avaliación desta(s) actividade(s), conservaráselles a cualificación dela ou delas até a segunda oportunidade de avaliación. E os alumnos ou as alumnas que concorrendo a unha segunda oportunidade de avaliación non realizasen a(s) actividade(s) de avaliación propia e a(s) de avaliación continua, terán de realizar ambas probas. Por suposto, amais da importancia do uso da lingua (repito que con máis de cinco erros lingüísticos o exame ou o traballo acadará a cualificación de suspenso), tanto para valorar os traballos, como a da participación nos debates e o exame final, tamén se terá en conta a utilización do coñecemento dispoñíbel, a comprensión das ideas básicas desenvolvidas, o dominio conceptual, a elaboración de ideas, a capacidade para relacionar ideas, a profundidade nas análises e na sua fundamentación, a capacidade crítica e o estilo propio e a claridade expositiva de esquemas e do seu desenvolvemento.