Discusión dirixida |
Esta metodoloxía está orientada a que o alumado reflexione sobre a aplicación das distintas estratexias de colaboración, comunicación, xestión e difusión da información na dinamización cultural e no desenvolvemento da acción socioeducativa. Existirán polo tanto, debates, coloquios ou reflexións conxuntas en torno aos temas centrais da materia ao longo das sesións tanto expositivas como interactivas. |
Portafolios do alumno |
O alumnado deberá realizar en pequeno grupo un traballo final da materia podendo elixir entre dúas modalidades:
Opción 1. Deseño do plan de comunicación dunha institución socioeducativa. Dita organización poderá ser elixida polo alumnado e o plan de comunicación deberá presentar un proceso previo de diagnóstico de necesidades , así como o deseño da acción e a avaliación da mesma.
Opción 2. Construción do portafolios grupal da materia. Colección de traballos dos estudantes acerca da materia ordenado a modo de diario de aula, existindo cando menos, unha entrada por cada sesión expositiva e outra por cada sesión interactiva. En cada entrada o alumnado deberá sintetizar o abordado na aula, realizar unha reflexión persoal acerca do mesmo e afondar sobre o tema empregando necesariamente bibliografía básica e complementaria da materia. |
Proba mixta |
A proba mixta será unha actividade final da materia con carácter avaliativo a través da cal, o alumnado deberá dar resposta a varias cuestións facendo un tratamento global e integrado dos coñecementos e habilidades adquiridas, ao longo do desenvolvemento da materia. Esta proba estará composta por preguntas tipo test e/ou preguntas abertas, estando a súa orientación directamente relacionada coa materia e cos aspectos abordados nas sesións, tanto expositivas como interactivas, así como cos traballos realizados polo alumnado no contexto da mesma. |
Eventos científicos e/ou divulgativos |
No contexto da materia o alumnado participará en eventos de divulgación que terá que preparar previamente mediante a lectura e tratamento de documentos relacionados. Posteriormente, debaterá sobre eles con profesionais ou académicos que serán invitados á aula para presentar e divulgar libros, experiencias ou accións de diversa índole. Esta actividade levarase a cabo en lingua galega e pretenderá ao mesmo tempo, favorecer o uso da mesma entre o alumnado da titulación. Os profesionais invitados/as falarán en galego. Esta acción forma parte do "Programa Piloto para a docencia en galego no Grao en Educación social". |
Presentación oral |
Empregarase esta metodoloxía á hora de presentar e compartir os traballos tutelados realizados polos grupos, co resto de compañeiros e compañeiras. Por outra banda, tamén se empregará esta metodoloxía tendo como obxecto construír unha visión crítica respecto das técnicas de dinamización de grupos, así como desenvolver de forma aplicada algunhas destas técnicas para abordar os contidos co resto dos compañeiros/as de aula, logrando planificar este tipo de accións tomando en consideración as características do grupo, os obxectivos de aprendizaxe e a metodoloxía empregada, así como a planificación e avaliación do proceso. |