Cuestións
xerais:
1. Para superar a materia,
o alumnado deberá conseguir globalmente unha cualificación igual ou superior a
5 valores sobre 10. Na proba mixta terá de obter como mínimo 5 valores
sobre 10 para poder sumar os restantes elementos de avaliación.
2. O alumnado terá de entregar
os traballos no prazo fixado e deberán seguir as pautas marcadas en cada caso,
polo que os traballos entregados fóra de prazo ou que non cumpran as pautas non
serán obxecto de avaliación. Así mesmo, todos os traballos deberán cumprir unhas
exixencias mínimas de corrección lingüística (ortografía, puntuación,
concordancia sintáctica, ausencia de reiteracións, precisión léxica, rexistro
formal etc.); no caso de deficiencias lingüístico-expresivas, estas poderán ser
penalizadas na cualificación, segundo o documento Exixencias mínimas de
corrección lingüística (aprobado pola Sección Departamental de
Galego-Portugués no día 06.07.2018 e pendurado en Moodle).
3. O alumnado con matrícula parcial
e/ou dispensa académica deberá realizar e entregar as mesmas probas e
exercicios que o restante estudantado. Se non puider asistir ás titorías,
deberá pórse en contacto co profesor a través do
correo electrónico.
4. Na 2.ª oportunidade o
alumnado será avaliado cos mesmos criterios que na ocasión anterior, só que as
actividades prácticas derivadas do "Obradoiro" presencial pasarán a
ser substituídas por outras similares que se entregarán nos prazos marcados
polo profesor. Antes da data oficial do exame ten de ser entregado o
"Traballo tutelado". No caso da "Presentación oral",
marcarase un día para a súa realización. De haber convocatoria adiantada de
decembro, serán aplicados idénticos principios de avaliación que na 2.ª
oportunidade.
5. A cualificación de NON
PRESENTADO/A será considerada cando o alumnado non se presentar á
"Proba mixta" e non entregar ningunha das actividades contempladas na
avaliación.
6. A materia poderá ser adaptada
ao estudantado que precise da adopción de medidas encamiñadas ao apoio á
diversidade (física, visual, auditiva, cognitiva, de aprendizaxe ou relacionada
coa saúde mental). De ser o caso, deberán contactar cos servizos disponíbeis na
UDC/no Centro: nos prazos oficiais estipulados de maneira previa a cada cuatrimestre
académico, coa Unidade de Atención á Diversidade (https://www.udc.es/cufie/ADI/apoioalumnado/); no
seu defecto, coa Titora ADI da Facultade de Filoloxía (no seguinte enderezo
electrónico: pat.filoloxia@udc.gal).
Aviso
importante: Os
traballos presentados polo alumnado poderán ser incorporados ao Turnitin,
ferramenta para a detección do plaxio e de traballos previamente presentados
nesta ou noutras universidades, inclusive pola/o mesma/o estudante. Se se
producir algunha destas circunstancias, poderán ser aplicadas as medidas
contempladas nas Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións
dos estudos de grao e de mestrado universitario da Universidade da Coruña (artigo
14.4).