- A entrega dos traballos farase, por defecto, de xeito telemático. De non ser posible, entregaranse impresos a dobre cara en papel reciclado, e evitarase o uso de materiais plásticos na encadernación. Como docentes (en acto ou en potencia), debemos tomar conciencia da necesidade de minimizar os impactos negativos sobre o medio natural, e o aforro de recursos é, obviamente, un dos medios principais para o logro deste obxectivo. - Malia achárense implícitas no
enunciado das competencias da materia, convén poñer por escrito
algunhas advertencias ás que debe atender quen queira superala sen atrancos: - Os erros na
grafía das palabras, o desleixo no emprego dos signos de puntuación, a carencia
das ferramentas léxicas e gramaticais necesarias para se elevar por riba do
estilo conversacional, a incapacidade de artellar textos extensos sen mingua da
cohesión e da coherencia, etc., non son chatas ante as cales caiba pechar os ollos. Nunha aula universitaria, constitúen faltas graves e deben, xa que logo, penalizarse con rigor: o correcto dos «contidos» non é circunstancia atenuante.
- Entre as habilidades que o estudantado universitario debe adquirir, ocupa unha posición destacada a de recoller información con bo
siso e empregala con honradez:
- Cando digo que o/a estudante debe recoller información
bo siso, quero dicir que debe recollela selectivamente.
Entre a morea de fontes de información que Internet lle brinda, debe saber elixir as de
augas máis limpas, e afastarse dos mananciais avoltos (v. gr.,
a célebre Wikipedia) e das pozas de augas lamacentas (v. gr.,
Buenas tareas ou El
rincón del vago). Así mesmo, debe ser quen a explorar e utilizar os fondos
biblio- e hemerográficos da Biblioteca Universitaria.
- Cando digo que o/a estudante debe empregar información con
honradez, quero dicir que debe declarar abertamente todas as súas débedas intelectuais. Quen
reproduce palabras alleas está obrigado a indicar onde as atopou e quen as
escribiu. A infracción desta norma será castigada con dureza: un so caso de corta-e-pega nun traballo supón un suspenso inmediato (coa cualificación de cero).
- O idioma vehicular
da materia Didáctica da lingua castelá
será, por suposto, o castelán. Se esta guía docente se escribe en galego, é
consonte as prescricións do Regulamento
de usos da lingua galega na Universidade da Coruña, cuxo artigo 2.4 reza: Os centros e departamentos da Universidade da Coruña, da mesma maneira que
as dependencias administrativas e de servizos, terán como lingua de uso o
galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades
institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para
os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en
galego.
|