A realidade socio-educativa do/da educador/a social é complexa, diversa e difícil de analizar, describir e interpretar. Por iso, é necesario que ao longo da súa formación académica, adquira unha serie de competencias que lle permitan desenvolver a súa posterior actividade profesional.
Por tal circunstancia, a aprendizaxe e aplicación de diversas metodoloxías de investigación, que se desenvolven nesta materia, permitirá nun futuro ao/a educador/a social seleccionar a máis adecuada para solucionar os problemas que se atopará no seu próximo ámbito laboral, sen esquecer que este/a axente, dentro do seu ámbito laboral terá que investigar para poder achegar posibles solucións que melloren o contexto no que se desenvolva a súa actividade laboral.
A diversidade de concepcións epistemolóxicas aplicables ás distintas situacións sociais será fonte de información para o/a investigador/a social, permitíndolle determinar cal é a máis adecuada para solucionar o problema ao que se enfronta. Non se pretende establecer unha prelación ou unha orde de importancia entre os variados modos de investigación, senón que é o problema de investigación o que determinará a elección dunha metodoloxía ou outra, facendo dela a máis válida para este tipo de problema. Todo isto non ten sentido se non nos preguntamos e respondemos á pregunta: que queremos conseguir?.
Son moitos os instrumentos que podemos utilizar para obter datos e, por iso, é necesario ter coñecemento do amplo abano de posibilidades. Un/ha bo/boa profesional será aquel/a que saiba optar, en cada circunstancia, polas técnicas e instrumentos que mellor se adapten á situación. É necesario afondar no coñecemento e no dominio das distintas ferramentas que temos á nosa disposición. Así, nesta materia iranse analizando as principais técnicas e instrumentos que poden ser aplicadas ao ámbito socioeducativo, indicando as súas características fundamentais, as vantaxes e inconvenientes que presentan e as circunstancias ou momentos máis adecuados para poñelas en práctica.
(*)A Guía docente é o documento onde se visualiza a proposta académica
da UDC. Este documento é público e non se pode modificar, salvo casos excepcionais baixo a revisión do
órgano competente dacordo coa normativa vixente que establece o proceso de elaboración de guías