Descrición xeral |
O desenvolvemento das sociedades do mundo e da convivencia humana a través do tempo, ata o actual período histórico de modernidade tardía, serve de telón de fondo para comprender o papel chave que xoga a convivencia e a mediación e resolución de conflitos nas institucións educativas. Trátase de situar a convivencia no seu xusto marco de aproximación conceptual e de elaboración práctica e activa, pois dito marco é máis amplo, complexo e dinámico do que a miúdo parece: transcende a cultura escolar e as distintas institucións educativas en xeral, englobando outros ámbitos formais e non-formais de acción e produción socio-cultural, como son a educación en familia, a cultura popular da comunidade local, os medios de comunicación de masas, e as diversas ámbitos institucionais do Estado.
As institucións educativas están inseridas neste grande marco socio-político e cultural, un que, a súa quenda, se atopa inmerso noutro contexto aínda máis amplo de política internacional e transnacional que se move ao ritmo dun sistema económico cada vez máis globalizado: o capitalismo neoliberal. Neste escenario mundial de ámbitos tan interdependentes e complexos —e de recursos naturais finitos—, a conflitividade xorde desde os desequilibrios de poder entre colectivos e individuos con intereses diverxentes, desequilibrios reflectidos nos propios sistemas educativos. Mais non son os conflitos, per se, o que ameaza o benestar, pois os conflitos son un aspecto natural das relacións humanas. A violencia xorde das formas en que ditos conflitos sexan afrontados. Se son intervenidos de xeito pacífico, poden incluso resultar creativos e produtivos á hora de procurar desde as comunidades educativas e locais unha convivencia cosmopolita que respecte a diferenza produto da diversidade de experiencias e procedencias, de crenzas, ideoloxías e identidades, de orientacións persoais e das prácticas culturais das persoas integrantes das comunidades locais.
O alumnado desta materia aprenderá a afrontar con creatividade este escenario a través da cultura da paz e da nonviolencia para así fomentar, desde a dirección dos centros educativos, unha convivencia óptima tanto nos ámbitos institucionais participados, como, por extensión, nas comunidades multiculturais que os rodean. |