Profesorado |
Cano López, Pablo | Carballal Miñan, Patricia | Fernandez Perez-Sanjulian, Carme | Ferreira Boo, María del Carmen | Ferreiro Fernandez, Manuel | Pardo de Neyra Fernández-Couso, Xulio | Peñasco González, Sandra | Sobrino Freire, Iria |
|
Correo electrónico |
pablo.cano@udc.es | patricia.carballal@udc.es | carme.fernandez.perez-sanjulian@udc.es | m.fboo@udc.es | manuel.ferreiro@udc.es | xulio.pardodeneyra@udc.es | sandra.pgonzalez@udc.es | iria.sobrino@udc.es |
|
Descrición xeral |
Para o alumnado deste Máster, as prácticas constitúen unha experiencia formativa de preparación para a futura vida profesional: éntrase en contacto co oficio sen a responsabilidade e as urxencias que comporta dirixir un grupo de alumnos/as. Grazas ás prácticas, os/as estudantes poderán coñecer de primeira man as tarefas que levan a cabo nun centro educativo de Ensino Secundario, e terán, así mesmo, a posibilidade de establecer relacións frutíferas con profesores/as de Ensino Secundario e do ámbito universitario (destes/as últimos/as, parte son tamén docentes noutros niveis educativos).
As prácticas están deseñadas para ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de observar e analizar os contextos en que vai desenvolver o seu labor, de tal modo que poida alcanzar un coñecemento vivencial do traballo docente. Espérase que os/as estudantes tomen as prácticas como a oportunidade que son, e non só como unha parte máis destes estudos de posgrao. Esa oportunidade bríndana os centros e o profesorado de Ensino Secundario, e así deben recoñecelo a Universidade e o alumnado en prácticas. Agora ben, o recoñecemento é compatible cunha actitude de observación reflexiva e vixiante, propia do momento formativo en que nos atopamos. Non se debe aspirar á mera reprodución dos modelos de acción observados; pola contra, esas e outras posibles alternativas de actuación profesional han de ser obxecto de análise e reflexión.
A práctica que se desenvolve nos centros educativos só se pode comprender se se entende como se foi constituíndo o proceso de escolarización e como os axentes internos e externos actúan sobre el. Para isto é necesario construír un coñecemento sistematizado e profundo sobre a praxe docente, isto é, saber que se fai, por que se fai, para que se fai, que se podería facer e que é o que non se debe facer. Este coñecemento virá complementar, sen dúbida, os obtidos nas fases anteriores do Máster (módulos xenérico e específico), e a miúdo achegará un contrapunto enriquecedor.
As prácticas serán tamén unha experiencia formativa para o profesorado titor dos centros de ensino (cuxa colaboración nunca se agradecerá bastante), debido a que lle dan a ocasión de reflexionar críticamente sobre o seu traballo e os seus hábitos na día a día da aula, así como unha oportunidade para entrar en contacto —aínda que sexa brevemente— coa reflexión didáctica que se fai fóra dos centros de Ensino Secundario.
Non menos enriquecedora será a experiencia para o profesorado da Facultade (parte do cal, como xa se apuntou, exerce tamén a docencia en niveis preuniversitarios). Grazas ás prácticas, os/as titores/as da UDC terán a oportunidade de observar o contraste as mensaxes e estratexias de traballo de corte teórico e a práctica vivida nos centros.
|