- A entrega dos traballos farase, por defecto, de xeito telemático. De non ser posible, entregaranse impresos a dobre cara en papel reciclado, e evitarase o uso de materiais plásticos na encadernación. Como docentes (en acto ou en potencia), debemos tomar conciencia da necesidade de minimizar os impactos negativos sobre o medio natural, e o aforro de recursos é, obviamente, un dos medios principais para o logro deste obxectivo. - Malia estaren implícitas no
enunciado das competencias da materia, cómpre facer algunhas advertencias: - Os erros na
grafía das palabras, o desleixo no emprego dos signos de puntuación, a carencia
das ferramentas léxicas e gramaticais necesarias para se elevar por riba do
estilo conversacional, a incapacidade de artellar textos extensos sen fallas de
cohesión e da coherencia, etc., son defectos nos que o alumnado universitario non debería incorrer. Cómpre, pois, penalizalos con rigor.
- Entre as habilidades que o estudantado universitario debe adquirir, ocupa unha posición destacada a de recoller a información con bo
siso e empregala con honradez:
- Cando digo que o/a estudante debe recoller a información con bo siso, quero dicir que debe recollela selectivamente.
Entre a morea de fontes de información que Internet lle brinda, debe saber elixir as de
augas máis limpas e afastarse das pozas lamacentas (Buenas tareas, El
rincón del vago, Wuolah...) . Así mesmo, debe ser quen a explorar e utilizar os fondos
biblio- e hemerográficos da Biblioteca Universitaria.
- Cando digo que o/a estudante debe empregar información con
honradez, quero dicir que debe declarar abertamente todas as súas débedas intelectuais. Quen
reproduce palabras alleas está obrigado a indicar onde as atopou e quen as
escribiu. A infracción desta norma será castigada con dureza: un só caso de corta-e-pega nun traballo supón un suspenso inmediato (coa cualificación de 0 puntos). Obviamente, tamén peca contra a honradez quen delega as tarefas de documentación e redacción en ferramentas como ChatGPT ou Bing: os traballos —permitídeme que vos recorde algo que ninguén ignora— deben ser obra das persoas cuxo nome figura na portada.
- O idioma vehicular
da materia Didáctica da lingua castelá
será, por suposto, o castelán. Se esta guía docente se escribe en galego, é
consonte as prescricións do Regulamento
de usos da lingua galega na Universidade da Coruña, cuxo artigo 2.4 reza: Os centros e departamentos da Universidade da Coruña, da mesma maneira que
as dependencias administrativas e de servizos, terán como lingua de uso o
galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades
institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para
os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en
galego.
- De acordo coas recomendacións da Oficina de Igualdade de Xénero da UDC (https://www.udc.es/es/oficinaigualdade/), procurarase que a materia contribúa a que todas as partes implicadas (profesorado e alumnado) tomen conciencia dos seus posibles prexuízos sexistas e traten de liberarse deles. Ese compromiso levaranos, p. ex., a pór de relevo as achegas das investigadorAS aos campos de estudo que cultivamos; non será difícil, posto que son moitos os nomes de muller que poden e deben figurar nunha historia da Psicolingüística e da Didáctica da Lingua: Dorothea McCarthy, Jean Berko, Uta Frith, Linnea C. Ehri, Berta P. de Braslavsky, Emilia Ferreiro, Ana Teberosky... Ao mesmo tempo, porén, evitarase o pernicioso erro de supor que as disciplinas académicas máis ou menos vinculadas cos coidados son especificamente femininas (e, por tanto, incompatibles coa masculinidade). Por outra banda, ao abordar o desenvolvemento lingüístico na infancia (obxecto do primeiro tema da materia), non se agocharán as diferenzas de ritmo entre nenos e nenas, cuxa realidade está fóra de discusión entre os/as investigadores/as. Porque todos somos seres humanos, chegamos todos ao mesmo lugar; porque somos homes ou mulleres, facémolo por camiños parcialmente diferentes. |