General description |
A materia "Psicoloxía do desenvolvemento" pretende aportar unha formación básica no plano de estudos do Grao en Educación Social. O obxectivo xeral da mesma é que o alumnado acade un coñecemento sobre as distintas etapas que constitúen o desenvolvemento ao longo do ciclo vital, así como das necesidades e demandas específicas de cada unha delas. Aspectos, todos eles, esenciais para poder emprender as tarefas vencelladas á futura actividade profesional do/a educador/a social (i.e., deseño, desenvolvemento e avaliación de proxectos educativos dirixidos a persoas de distintas idades e condicións, desde a infancia até a vellez). Así mesmo, a inclusión de contidos referidos, non só ao desenvolvemento típico ou normativo, senón tamén ás dificultades ao longo do ciclo vital, é un aspecto necesario na formación do futuro profesional da Educación Social, na medida en que responde á posibilidade de que estes exerzan as súas funcións con persoas con diversos tipos de problemas ou situacións de discapacidade ou dependencia. Deste xeito, coñecer o proceso de desenvolvemento humano nas súas distintas facetas (física, cognitiva, social e emocional) ao longo de toda a vida é un requisito imprescindible para poder realizar calquera das intervencións con persoas que un/unha educador/a social pode levar a cabo. |