Metodoloxías Descrición
Sesión maxistral Exposición oral dos contidos da materia, complementada co uso dos recursos pertinentes (textuais e/ou audiovisuais) e a introdución de preguntas dirixidas ao alumnado para motivar a reflexión e o diálogo aberto. O obxectivo final pasa pola transmisión de coñecementos e ao tempo facilitar a súa aprendizaxe, potenciando a participación dos/as estudantes na construción significativa do coñecemento.
Análise de fontes documentais Análise crítica e reflexiva de documentos e fontes relevantes (bibliográficos, lexislativos, audiovisuais, xornalísticos...), o que implica a identificación e comprensión dos aspectos clave en relación cos contidos da materia. Promoveranse espazos de diálogo na clase para acompañar a discusión e a comprensión profunda do contido das lecturas.
Traballos tutelados Traballo grupal que integra os contidos da materia en torno á análise e comprensión profunda dunha proposta pedagóxica. A través dun traballo cooperativo en pequeno grupo deberán facer unha revisión bibliográfica orientada a comprender e sistematizar dita proposta, examinándoa dende o saber da Teoría da Educación. Así mesmo, deberán preparar unha intervención en aula para presentar aos compañeiros/as de clase a proposta, promovendo a súa aprendizaxe sobre a mesma.
Aprendizaxe colaborativa Na materia trabállase con múltiples estratexias de aprendizaxe cooperativo que promoven a aprendizaxe a través da interacción en pequeno grupo. Estas actividades inclúen actividades iniciais de exploración de ideas previas, actividades de discusión dirixida, de análise cooperativa de textos, elaboración de mapas conceptuais, análise de experiencias, técnicas socioafectivas de exploración de realidades sociais e educativas, etc.
Aprendizaxe servizo Metodoloxía que combina o servizo á comunidade coa aprendizaxe nun só proxecto, no que os/as estudantes se implican nunha proposta de promoción de experiencias de educación para a cidadanía global en escolas de educación infantil. A proposta metodolóxica desenvólvese vinculada a diversas materias do curso, sendo que no marco desta deberán elaborar o marco teórico-metodolóxico da proposta.
Proba mixta Pretende determinar os logros do alumnado en termos obxectivos e motivar a un seguimento continuo da materia. A súa realización acompañará o desenvolvemento da materia. Poderanse propor actividades de diversa índole para valorar as aprendizaxes. Combínanse: preguntas pechadas, preguntas de ensaio, análise de textos ou imaxes, análise de experiencias, etc. A superación destas tarefas busca reforzar a competencia no desenvolvemento deste tipo de tarefas e ofrece a posibilidade de ir restando contido para o exame.