Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Dende os principios da pedagoxía socioafectiva, na que a aprendizaxe parte da vivencia persoal, desenvolveremos actividades de indagación interna e sobre coñecementos previos, en relación ás temáticas obxecto de estudo. Pode realizarse en gran grupo ou pequeno grupo, como forma de abordar os puntos de partida desde os que cada persoa se achega ás cuestións que son obxecto de debate ou motivo da resolución de problemas. Combínanse actividades lúdicas, vivenciais, xogos de simulación, xogos de roles... sempre dirixidas a xerar o xerme para unha posterior reflexividade.
(VIVENCIA EMOCIONAL)
Aprendizaxe colaborativa Actividades propostas para que o alumnado en pequeno grupo elabore reflexividade en torno aos tópicos abordados na materia e resolva supostos desenvolvendo estratexias de cooperación na aprendizaxe. É tamén o baseamento para a adquisición de estratexias procedimentais e actitudinais desde as que abordar o traballo en equipo e a solución de problemas de diversa índole de maneira dialóxica, complementando xeitos diferentes de pensar a realidade e competencias diversas. Combínanse actividades de discusión dirixida, reflexión en torno a actividades previas vivenciais, tertulias en torno a lecturas, solución de problemas, estudo de casos, etc.
(REFLEXIÓN)
Sesión maxistral Presentación dos aspectos máis significativos dos elementos temáticos da asignatura que estruturan as sesións expositivas e dan sentido as sesións interactivas. Dende os principios da pedagoxía socioafectiva nos que se sustenta a aprendizaxe da materia, adóitase respectar o proceso: vivencia (a través de actividades previas), reflexión (en aprendizaxe colaborativa), teorización (a través da exposión maxistral e lecturas) e contextualización (levando o aprendido á reflexión no portafolio).
(TEORIZACIÓN)
Lecturas Lecturas complementarias e de profundización nas temáticas abordadas pola materia que permitan achegar marcos de referencia para a análise crítica da intervención pedagóxico social. Ofreceranse lecturas asociadas a cada un dos temas que deberás ser empregadas para xerar reflexividade no portafolio en torno aos tópicos abordados na materia. Serán tamén contido de tertulias dialóxicas ou discusión dirixida na sesión de clase.
(TEORIZACIÓN)
Portafolios do alumno Traballo reflexivo do estudante de elaboración individual ou en pequeno grupo e no que se reflicten as dinámicas das sesións interactivas en relación cos elementos abordados nas sesións expositivas, co fin de consolidar a reflexividade sobre o proceso de aprendizaxe e sobre os contidos abordados na materia, orientados á formación como educadoras e educadores sociais. Valórase a capacidade crítica e reflexiva, así como a capacidade para identificar marcos de referencia que acheguen sentido e profundidade de análise as prácticas realizadas nas sesións interactivas.
(CONTEXTUALIZACIÓN)
Eventos científicos e/ou divulgativos A medida que se abordan os contidos da materia, as e os estudantes deberán implicarse en tarefas de divulgación da súa reflexividade. Unha das actividades centrais é a organización dos Parladoiros con profesionais sobre relación educativa, así como a posibilidade de elaborar podcast sobre temáticas traballadas na materia.
(CONTEXTUALIZACIÓN)
Proba de ensaio Comentario de texto, no que se pode utilizar a documentación empregada para o estudo dos distintos temas da materia. A través desta proba se pretende comprobar o desenvolvemento de distintas competencias asociadas á materia: capacidade de análise, síntese e desenvolvemento de reflexións argumentadas e coherentes. Non é só unha proba avaliativa, senón que se realizaran exercicios nesta liña ao longo da materia, orientados a adquirir a competencia para elaborar reflexividade sobre textos de carácter pedagóxico.