Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Desenvolvemento dunha actividade de indagación sobre coñecementos previos do alumnado, en relación ás temáticas obxecto de estudo. Pode realizarse en gran grupo como elemento previo que permita tender pontes entre os coñecementos/vivencias/actitudes do alumnado e as temáticas obxecto de estudo presentadas a través da lección maxistral, discusión dirixida, etc. Tamén en pequeno grupo como forma de abordar os puntos de partida desde os que cada alumno/alumna se achega ás cuestións que son obxecto de debate ou motivo da resolución de problemas.
Aprendizaxe colaborativa Actividades propostas para que o alumnado en pequeno grupo resolva supostos desenvolvendo estratexias de cooperación na aprendizaxe. É tamén o baseamento para a adquisición de estratexias procedimentais e actitudinais desde as que abordar o traballo en equipo e a solución de problemas de diversa índole de maneira dialóxica, complementando xeitos diferentes de pensar á realidade e competencias diversas.
Discusión dirixida Formulación de problemas ou antinomias nas que deben desenvolverse argumentos de diverso carácter sobre os temas propostos, de maneira ordeada e respectuosa cos posicionamentos non compartidos. Preténdese asentar procedementos e actitudes favorecedoras da escoita activa, a empatía e a facilitación de relacións na abordaxe de problemas complexos.
Lecturas Lecturas complementarias e de profundización nas temáticas abordadas pola materia que permitan achegar marcos de referencia para a análise crítica da intervención pedagóxico social.
Sesión maxistral Presentación dos aspectos máis significativos dos elementos temáticos da asignatura que estruturan as sesións expositivas e dan sentido as sesións interactivas. Acompáñase habitualmente de actividades iniciais e de distintos recursos que pretenden "activar" ao alumnado na procura de aprendizaxes significativas e contextuais.
Solución de problemas A abordaxe de problemas socioeducativos reclama a consideración de puntos de vista diferentes. Unha posibilidade para achegarnos ás distintas visións dunha realidade son os xogos de roles orientados a superación dun reto ou problema. Esta metodoloxía articúlase desde a construción e defensa dun determinado rol ou punto de vista, no marco dunha dinámica grupal orientada ao desenvolvemento da racionalidade argumentativa, e da discusión respectuosa de posicionamentos encontrados, co obxectivo de achegar solucións a unha problemática concreta
Proba de ensaio A través dun comentario de texto, no que se pode utilizar a documentación empregada para o estudo dos distintos temas da materia. A través desta proba se pretende comprobar o desenvolvemento de distintas competencias asociadas á materia: capacidade de análise, síntese e desenvolvemento de reflexións argumentadas e coherentes.
Simulación Posta en escea dunha problemática simulada relacionada coa profesión do/a educador/a social, sobre a que se deben asumir posicións argumentadas, valorando distintas posibilidades e sendo autocríticos respecto das posicións iniciais.
Portafolios do alumno Traballo reflexivo do estudante de elaboración individual ou en pequeno grupo e no que se reflicten as dinámicas das sesións interactivas en relación cos elementos abordados nas sesións expositivas. Valórase a capacidade crítica e reflexiva, así como a capacidade para identificar marcos de referencia que acheguen sentido e profundidade de análise as prácticas realizadas nas sesións interactivas.