Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais Actividade en grupo grande que se levará a cabo ao inicio do curso, e onde se presentará a materia comentando entre outros aspectos, a metodoloxía de traballo e os criterios que se utilizarán na avaliación do alumno.
Sesión maxistral Sesións de aula nas que durante os primeiros días do curso, abordaránse parte dos contidos do Bloque I. Con todo, a pesar de ser clases expositivas, por ser en grupo reducido, requerirase nelas a participación activa do alumnado.
Obradoiro Os obradoiros son sesións de traballo en grupo reducido que se planifican para traballar os contidos do Bloque II, relacionados cos procesos básicos nun laboratorio químico, e que terán lugar antes de comezar coa realización das prácticas no laboratorio. Cada práctica deste bloque levará asociado un guión que conterá cuestións que incidirán na comprensión dos fundamentos teóricos de cada experimento, e nos posibles aspectos de perigo, toxicidade e medidas de seguridade. Estes aspectos deberán ser traballados con antelación polos estudantes e recollidos nun Traballo Previo, e serán discutidos cos seus compañeiros e co profesor no Obradoiro, antes do comezo de cada experimento, de modo que o profesor determinará se o grao de coñecementos adquirido é suficiente como para que poidan proceder a realizar, con seguridade e aproveitamento, o traballo experimental.
O rematar o período de prácticas levarase a cabo un obradoiro de repaso en grupo reducido, para repasar e afianzar os conceptos traballados durante o curso, que posteriormente será discutida en grupo baixo a supervisión do profesor.
Durante algúns destes obradoiros realizaranse probas intermedias de respostas curtas, cálculos numéricos ou de tipo test, que axudarán ao alumno e ao profesor a comprobar que se comprenderon os contidos tratados en clases anteriores.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas de laboratorio, que se imparten en grupo reducido, os estudantes traballarán contidos do Bloque I e do Bloque II a través da realización de actividades de carácter práctico, tales como exercicios e experimentos.
Nas referidas ao Bloque I, o alumno levará á práctica os contidos que se impartiron con anterioridade nas sesións maxistrais. O traballo feito nestas clases quedará reflexado nunhas Fichas.
Nas prácticas do Bloque II, o alumno realizará procesos básicos nun laboratorio químico. Todo o traballo feito nas prácticas deste segundo bloque quedará reflexado no Caderno de Laboratorio.
Proba mixta Ao finalizar o período de prácticas realizarase un exame escrito onde se avaliarán os coñecementos adquiridos polos alumnos, que constará dunha serie de cuestións de diferente natureza, que poden ser de desenvolvemento medio-longo ou de desenvolvemento curto sobre aspectos puntuais dunha práctica, de resolución de problemas numéricos ou de elección entre respostas múltiples.