Metodoloxías Descrición
Lecturas Espérase que cada estudiante lea todos e cada un dos textos polo miudo e de xeito crítico, intentando acadar as súas proprias conclusións. Tamén se espera que realicen as lecturas obrigatorias antes da clase. Grazas ao programa detallado que se lle entrega ao alumnado durante a primeira semana de clase, coñécense con antelación as datas nas que se analizará cada unha das lecturas obrigatorias.
Sesión maxistral Neste tipo de sesións a docente explicará o contexto socio-histórico e cultural no que se inscriben os textos a analizar, exploraranse os conceptos teóricos máis relevantes e proporcionaranse pautas de análise textual. As sesións maxistrais levaranse a cabo nas clases co grupo grande, correspondentes á docencia expositiva (DE). De xeito ocasional, poderá organizarse algunha conferencia a cargo de expertas/os doutras universidades.
Análise de fontes documentais Análise textual (close reading) e respostas razoadas sobre a leitura dos textos. Neste tipo de actividade, o/a estudante amosará o seu grado de comprensión e aproveitamento das lecturas encomendadas, por medio do comentario e análise textual, polo que se valorará a capacidade de reflexión crítica sobre os textos analizados. Tamén se terá en conta a capacidade de aplicar os coñecementos teóricos á práctica de análise textual. Como no resto de actividades desta materia, avaliaranse ademais as competencias lingüísticas propias do grado, nomeadamente a calidade da expresión en lingua inglesa
Traballos tutelados Este traballo colaborativo levarase a cabo en grupos reducidos (3-4 estudantes por equipo). Cada grupo escollerá un libro da lista que a docente proporcionará ao inicio do cuadrimestre. Durante os meses de abril e maio as estudantes elaborarán o “Project Topic” baixo a supervisión da profesora e organizarán foros de debate nos que participará o resto do alumnado. Unha vez pechen os devanditos foros, cada grupo elaborará un resumo do debate máis as conclusións máis salientables do mesmo. O obxectivo deste traballo é que o alumnado afonde nun texto e tema determinados e máis exprese a súa opinión, como resultado dunha reflexión crítica. Dado que se trata dunha actividade colaborativa e grupal, a capacidade de traballo en equipo é moi importante, como tamén o son as destrezas lingüísticas e comunicativas amosadas na elaboración e na exposición oral do traballo.
Proba mixta Nesta proba final o alumnado terá que amosar o seu grado de comprensión e aproveitamento das lecturas encomendadas, por medio do comentario e análise textual, polo que se valorará a capacidade de reflexión crítica sobre os textos analizados. Tamén se valorarán tanto os coñecementos teóricos adquiridos como a capacidade do alumnado que aplicar os devanditos coñecementos á práctica. Finalmente se avaliarán as competencias lingüísticas propias do grado, nomeadamente a calidade da expresión escrita en lingua inglesa. Estas probas poden combinar preguntas de resposta breve con outras preguntas a desenvolver.