Para poder realizar as prácticas clínicas correspondentes é necesario estar matriculado oficialmente na materia e ter superadas as Estadías Clínicas I, II e III, tal e como consta na Memoria do Título de Grao.
A superación da materia queda suxeita a que cada unha das metodoloxías sexa superada polo estudante de forma independiente, acadando o 50% da nota máxima posible da porcentaxe que lle corresponde.
Dado que a asistencia ás prácticas clínicas é obrigatoria, as ausencias deberán comunicarse de acordo á normativa xeral do centro académico, relativa ás Estadías Clínicas. Estas serán recuperadas ao remate dos rotatorios establecidos, e antes da data de peche das actas. As faltas non comunicadas serán valoradas segundo o especificado na normativa xeral do centro académico.
As datas e os horarios nos que cada estudante realizará as prácticas clínicas publicaranse na plataforma Moodle con suficiente antelación ao inicio das mesmas.
Ao finalizar o período de prácticas clínicas os estudantes deberán presentar a Memoria Final de Prácticas, segundo se especifica no regulamento de Estadías Clínicas, para poder ser avaliados.
Avaliación 2ª oportunidade: Dado que a práctica clínica é unha actividade presencial non recuperable, o alumnado so poderá empregar a 2ª oportunidade para recuperar as actividades relativas ao traballo tutelado e á súa presentación.
Adianto de oportunidade e estudantes con matrícula parcial: Dado que a práctica clínica é unha actividade presencial non recuperable, non é posible establecer unha avaliación diferente para estos casos.
A cualificación de Matrícula de Honra poderá obtela o alumnado que puntúe alomenos un 9, con preferencia para o alumnado que obtivera máis nota. En caso de igualdade de puntuación e habendo máis aspirantes que matrículas, prevalecerá o alumnado que obtivese máis nota na metodoloxía de maior peso porcentual.
Na realización dos traballos tutelados, o plaxio e a utilización de material non orixinal, incluíndo aquel obtido a través de Internet, sen indicación expresa da súa procedencia e, se é o caso, o permiso do seu autor/a, poderá ser considerada causa de cualificación de suspenso na actividade.
Esta materia ten en conta as recomendacións sobre SOSTIBILIDADE, MEDIO AMBIENTE, PERSOA E IGUALDADE DE XÉNERO para acadar unha contorna inmediata sustentable, ambiental e social. Ademais dúas das competencias xerais que debe adquirir o alumnado dentro do grao e da materia son B20 e B24; a primeira é a sensibilidade cara temas medioambientais e a segunda sinala a necesidade de fomentar e aplicar os dereitos fundamentais e a igualdade entre homes e mulleres. Por todo isto:
- A entrega dos traballos documentais que se realicen nesta materia realizarase a través de MOODLE, en formato dixital sen necesidade de imprimilos.
- Débese facer un uso sostible dos recursos e a prevención de impactos negativos sobre o medio natural.
- Débense ter en conta a importancia dos principios éticos relacionados cos valores da sostibilidade nos comportamentos persoais e profesionais.
- Atendendo ás distintas normativas de aplicación para a docencia universitaria, nesta materia está incorporada a perspectiva de xénero: usarase linguaxe non sexista, utilizarase bibliografía de autores de ambos os sexos, propiciarase a intervención nas distintas actividades da materia de alumnos e alumnas.
- Traballarase para identificar e modificar prexuízos e actitudes sexistas, e influirase na contorna para modificalos e fomentar valores de respecto e igualdade.
- Prestarase especial atención en detectar situacións de discriminación por razón de xénero e proporanse accións e medidas para corrixilas.
- Facilitarase a plena integración do alumnado que por razón físicas, sensoriais, psíquicas ou socioculturais, experimenten dificultades a un acceso axeitado, igualitario e proveitoso á vida universitaria.