O alumnado debe traballar de xeito continuado ao longo do curso, preparar semanalmente a parte correspondente da simulación e participar activamente nas discusións promovidas durante as sesións e no foro virtual.
A proba obxectiva formularase en castelán e se poderá contestar en calquera das linguas oficiais da UDC. En caso de desexala en galego, deberá indicarllo por escrito ao docente unha semana antes da súa realización.
Alumnado con recoñecemento de dedicación a tempo parcial e dispensa académica de exención de asistencia.
Segundo a normativa, dito alumnado deberá comunicar a súa situación ao docente nos primeiros dez días do cuadrimestre en que a materia se imparte. Seguirá o mesmo sistema de avaliación, coas seguintes particularidades: a súa participación activa terá lugar mediante o foro virtual e, agás para as datas aprobadas na Xunta de Facultade no que compete á proba obxectiva, acordarase ao inicio do curso un calendario específico de datas compatible co plan de traballo da materia e coa súa dedicación.
Cualificación de non presentado.
A simulación é obrigatoria para aprobar a materia. Se non se realiza, a cualificación será: NON PRESENTADO.
Avaliación da segunda oportunidade
Seguirá os mesmos criterios que os utilizados na avaliación da primeira oportunidade, coa excepción do alumnado que exprese a súa intención de participar nun novo proceso de avaliación continua (80% da cualificación final: Simulación). Neste caso:
a) É imprescindible enviar un correo electrónico ao docente, antes do inicio do período de exames da segunda oportunidade, indicando a súa renuncia á cualificación previamente obtida nesta metodoloxía, e recibir a correspondente autorización.
b) O proxecto de simulación será individual e será presentado na mesma data de realización da proba obxectiva, aprobada en Xunta de Facultade.
Avaliación adiantada
No caso de que ao alumnado se lle conceda unha oportunidade de "avaliación adiantada", e soamente neste caso, realizarase unha proba oral e/ou escrita encamiñada a avaliar todas as competencias e contidos propios da materia.
Condicións de realización dos exames
Está prohibido acceder á aula de exame con calquera dispositivo que permita a comunicación co exterior e/ou o almacenamento de información, non autorizado previamente polo docente.
Quebra dos principios de decoro, legalidade ou mérito individual
O docente pode requirir a posterior defensa oral, parcial ou total, das actividades entregadas e avaliadas.
A realización fraudulenta das probas ou actividades de avaliación implicará directamente a cualificación de “suspenso” (nota numérica 0) na convocatoria correspondente do curso académico, tanto se a comisión da falta se produce na primeira oportunidade como na segunda (procederase a modificar a súa cualificación na acta de primeira oportunidade, se fose necesario).