Descrición xeral |
A pobreza, a marxinación, a vulnerabilidade e a exclusión son aspectos inherentes aos modelos de organización política, económica e social contemporáneos. Estas realidades supoñen formas de vida singularizadas pola precariedade económica, a falta de oportunidades ou desigualdade no acceso a mellores condicións de vida ou ben a privación de dereitos, aspectos que dificultan a realización persoal e social.
É unha finalidade da Educación Social visibilizar estas realidades, promover a toma de conciencia sobre o funcionamiento da sociedade actual e actuar en consecuencia desde unha posición crítica, de forma que se desenvolvan procesos encamiñados á emancipación das persoas, ao seu fortalecemento como suxeitos de dereitos, á súa integración e participación social, así como á transformación das sociedades, para que se tornen máis xustas.
Con esta idea, na materia de Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables, partiremos dun achegamento aos referentes teórico-conceptuais que permitan comprender e explicar as situacións de vulnerabilidade e exclusión social, contextualizadas no marco socioeconómico e político máis amplo, así como discernir os factores e as fases presentes nos procesos e traxectorias vitais que conducen a estas situacións.
Así mesmo, é importante coñecer o marco legal e institucional que lexitima e (de)limita a intervención socioeducativa para a prevención, protección e inclusión de minorías e colectivos vulnerables. Achegarémonos a diferentes contextos e realidades de exclusión social e ás propostas socioeducativas, que, en forma de programas, proxectos, recursos, redes… tratan de promover a inclusión social. Unha aproximación que nos permita poñer en cuestión e valorar a súa pertinencia en termos pedagóxicos e sociais. Finalmente, interésanos coñecer as funcións que ocupan ao/á educador/a social nos diferentes programas, recursos ou institucións. |