Descrición xeral |
A materia ofrece unha visión xeral (aínda que necesariamente parcial) da historia literaria latina, antiga e medieval, abordada a través da periodización, os xéneros literarios e algúns dos temas que trataron os escritores latinos. Máis que unha análise profunda de aspectos concretos, trátase de ver como se relaciona o sistema literario coas circunstancias sociais e políticas, como estas influíron na aparición ou desaparición dos xéneros literarios, como algúns dos xéneros antigos se transformaron na Idade Media, amén doutros aspectos máis especificamente literarios. Os temas abórdanse desde unha perspectiva teórica ou práctica, a partir do comentarios de breves textos traducidos.
No contexto da titulación na que se imparte (Grao en Humanidades), a materia agrúpase con outras que tratan, por unha banda, as historias literarias galega e española (das que pode ser un complemento fundamental, xa que moitas formas e contidos desas literaturas, especialmente no período medieval, concordan coas latinas) e, por outra, con asignaturas nas que se estudan outros aspectos da cultura medieval, como a historia ou a arte. |