Guía DocenteCurso
Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física
  Inicio | galego | castellano | english | A A |  
Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
 Asignaturas
  Habilidades acuáticas e a súa didáctica
   Metodoloxías
Metodoloxías Descrición
Actividades iniciais O primeiro día de clase realizarase unha completa explicación dos aspectos tratados na guía docente co fin de que os alumnos coñezan as competencias que se pretende que adquiran.
De igual forma, previo á realización de calquera dos traballos e actividades propostos, achegarase a información necesaria e procederase á organización dos alumnos para o seu óptimo desenvolvemento.
Portafolios do alumno Recoméndase a súa realización, pero non é computable na avaliación.
Establécense as seguintes recomendacións para a súa elaboración.
Empregar un arquivador (tipo A-Z) ordenado por seccións, debidamente identificadas ou etiquetadas, que conteña os materiais produto das actividades de aprendizaxe realizadas polo alumno ao longo do curso académico, o que permitirá acceder rapidamente a calquera apartado.
Aconséllase que as follas do portafolios non se introduzan en fundas de plástico, permitindo revisar os documentos sen ter que extraelas da carpeta.
O portafolios debería de conter:
- índice;
- guía docente e folla sobre as competencias da materia;
- apuntamentos e esquemas propios;
- apuntamentos achegadas polo profesor e anotacións;
- apuntamentos elaborados e esquemas achegados por outros alumnos;
- notas de clase;
- guías para a realización de traballos e o seu desenvolvemento;
- artigos técnicos ou científicos achegados polo profesor ou buscados polo alumno;
- comentarios, análise e/ou resumos das lecturas solicitadas e dos documentos revisados polo alumno;
- probas escritas: respostas a preguntas realizadas en clase polo profesor;
- memoria de prácticas (apuntamentos manuscritos sobre as actividades desenvolvidas en clase);
- dedicación horaria a cada unha das actividades realizadas ao longo do curso;
- anotacións sobre as achegas realizadas sobre a materias por outros compañeiros;
- preguntas formuladas e contestadas para incorporar á base de datos;
- comentarios e valoración do traballo do profesor e do alumno;
- suxestións sobre os contidos e o desenvolvemento da materia.
Sesión maxistral Exposición oral complementada co uso de medios audiovisuais e a introdución dalgunhas preguntas dirixidas aos estudantes, ademais de actividades de solución de problemas ou o traballo en pequenos grupos, coa finalidade de transmitir coñecementos e facilitar a aprendizaxe.
Traballos tutelados Traballos deseñados para promover a aprendizaxe autónoma dos estudantes, baixo a tutela do profesor e nun escenario profesional. Está referido prioritariamente á aprendizaxe de "como facer as cousas"

1) O traballo consiste na realización de prácticas, nunha escola de actividades acuáticas ou dun club de natación; constará dos seguintes apartados:

a) Realización de prácticas sobre ensino das habilidades acuáticas con nenos entre 5 e 14 anos (desempeñando funcións de observador, axudante e profesor, segundo a fase do proceso): as prácticas realizaranse nunha escola de actividades acuáticas, de natación ou de wáter-polo durante un mínimo de 7 sesións e un máximo de 15:
- Os labores a desempeñar durante eses días terán un carácter progresivo de intervención, comezando como meros observadores para logo desempeñar funcións de axuda no grupo asignado da escola, para por último converterse no profesor, aínda que sempre baixo a supervisión do responsable directo do grupo e con tutorización obrigatoria.
- Con estas prácticas inténtase simular unha situación real onde se implique o alumno, o cal podemos considerar como unha boa preparación xa que nela non só ha de responder tecnicamente posto que tamén se involucra psicolóxica e emocionalmente no proceso de ensino-aprendizaxe.
- O grupo de persoas, con que se desenvolva esta actividade de prácticas, e o seu nivel será acorde cos obxectivos e contidos da materia na que se ache integrada.
- Intentarase facilitar a realización das prácticas tanto nas instalacións do Facultade como en piscinas próximas do Concello de Oleiros, pero no caso de que se interrompesen ou cesasen as actividades nelas se xestionará a posibilidade da realización das prácticas noutras instalacións que resulten de interese atendendo ás características e obxectivos das súas actividades, os seus horarios e a súa localización, facilitando na medida do posible as condicións de asistencia aos nosos alumnos.

b) Memoria das prácticas referidas no apartado anterior sobre os aspectos máis representativos desta, aos que se achegarán impresións e a crítica fundamentada do observador.


2) Traballo baseado nas prácticas realizadas en horario lectivo
- Realizarase individual ou en pequeno grupo (máximo tres persoas); se ben, o traballo de grupo deberá reflectir un esforzo proporcional ao número de persoas que nel interveñan.
- Deseño de carácter libre e con tutorización obrigatoria polo profesor.
- O traballo non debe integrar soamente os contidos das sesións prácticas; é dicir, debería de tratar de integrar os contidos teóricos desenvolvidos na materia, sendo ampliado coa documentación proposta na bibliografía; afondar nas progresións metodolóxicas formuladas, achegando máis posibilidades extraidas de fontes documentais ou ben de elaboración propia; expoñer obxectivos, aplicación, sensacións que achegan as propias tarefas propostas. A estrutura do traballo pode ser elixida polo propio alumno e incorporarlle cantos apartados considere oportunos.
- Debe ter un claro compoñente de aplicación e sería idóneo empregalo para a consecución dos requirimentos formulados no apartado avaliación práctica da actividade física.
- Calquera dúbida sobre o traballo será resolta en horario de titoría xa sexa dunha forma individual ou conxunta.


Nota: de non se realizar estes traballos, ben sexa por razóns propias ou alleas ao alumno, a súa porcentaxe da nota total pasará a sumarse á do exame teórico.
Práctica de actividade física Asistencia, execución e análises das prácticas programadas, cuxa constancia de realización deberá efectuarse, de forma escrita (portafolios do alumno).

Dado que a aprendizaxe de habilidades básicas axuda ao desenvolvemento de actividades máis complexas, establecerase unha xerarquía no proceso de aprendizaxe, de modo que cando sexa preciso se comezará a actividade coa observación de alguén que realice a experiencia ou no seu defecto coa presentación dunha referencia estándar para determinar os pasos máis básicos a realizar, posteriormente se definirán estes nunha secuencia lóxica de forma que un sirva de fundamento para o seguinte. En xeral a secuencia de intervención será como segue:

- Identificar os obxectivos psicomotores ou sociomotores e os coñecementos que se han de posuír para conseguilos.
- Presentar os diferentes pasos a desenvolver
- Realizar unha demostración e repetila canto se precise, ata que os alumnos sexan capaces de ter unha imaxe mental xeral do que se solicita para que poidan iniciar a súa práctica.
- Sinalar os erros máis comúns.
- Facilitar a práctica dos alumnos, ata que sexan capaces de realizala con certo grao de competencia.
- A avaliación da práctica da actividade física a través dos tests indicados no apartado avaliación, pretende que o alumno sexa consciente do seu nivel de execución, que aplique sobre o grupo de traballo e sobre si mesmo os coñecementos que vai adquirindo na materia, que valore a constancia e o esforzo para lograr as metas e adquira, se é posible, o interese pola práctica acuática.

Notas:
- En función das circunstancias, incidirase ou non en determinados contidos. Por suposto, o carácter secuencial poderá segmentarse na medida que sexa necesario para facilitar ou perfeccionar a aprendizaxe.
- Para as prácticas en piscina é obrigatorio o uso de bañador de competición ou similar (non se permitirá o emprego de pantalóns deportivos, nin o uso de roupa interior), gorro (ter ademais outro gorro de reposto) e calzado de piscina; é posible e mesmo recomendable empregar neopreno de baixa densidade ou top térmico de 1 mm.
Presentación oral Exposición do resumo realizado dunha lectura ou dos aspectos máis destacables de calquera dos traballos tutelados.
Lecturas Poñeranse a disposición dos alumnos, a través da plataforma de teleensino, unha serie documentos escritos co fin de afondar nos contidos traballados e, tamén, discutir sobre eles. Tamén se propoñerán os títulos de obras relacionadas co ámbito das actividades acuáticas para o estudo, compresión e argumentación de aspectos desenvolvidos na materia.
Proba mixta Proba escrita utilizada para a avaliación da aprendizaxe que pode combinar distintos tipos de preguntas: preguntas de resposta múltiple, de ordenación, de resposta breve, de discriminación, de completar e/ou de asociación.
Foro virtual Espazo de discusión informal destinado aos estudantes para o tratamento dun tema ou problema, que se desenvolve a través dun ámbito virtual de aprendizaxe mediante ferramentas de comunicación asíncrona (foro). Serve para expresar as súas opinións sobre calquera aspecto que crean interesante.

Os temas fundamentais a desenvolver estarán relacionados con:
- prácticas de clase
- practicas en escola de actividades acuáticas
- lecturas propostas polo profesor ou os alumnos
- cuestións ou elementos sobre os que afondar tratados durante as sesións

O profesor introduce o tema explicando o procedemento a seguir e os estudantes interveñen con comentarios sobre o tema, cuestións, novas formulacións, etc.
Universidade da Coruña - Rúa Maestranza 9, 15001 A Coruña - Tel. +34 981 16 70 00  Soporte Guías Docentes