Descrición xeral |
A programación orientada a obxectos (POO) é, hoxe en día, a paradigma de programación dominante no desenvolvemento de sistemas informáticos. A POO xorde como un paso máis na evolución da programación imperativa engadindo novas propiedades (como herdanza, polimorfismo, etc.) aos tipos abstractos de datos. O carácter optativo da materia pode levar a engano xa que a relativa antigüidade dos plans de estudo (1994) e das troncalidades (1991) non recollen correctamente a situación actual no ámbito da programación (Java só ten pouco máis de 10 anos de antigüidade).
A filosofía de aprendizaxe marcada no plan de estudos configúrase como "Imperativo primeiro", é dicir, primeiro explícanse as linguaxes imperativas para dar paso máis adiante á programación orientada a obxectos. Desta forma a aprendizaxe da programación faise máis gradual, aínda que o paso aos conceptos da orientación a obxectos obriga a un cambio de filosofía na forma de programar cuxa adaptación pode resultar complexa ao alumno.
As competencias académicas que se pretenden desenvolver son importantes para cursar outras materias ligadas directa ou indirectamente coa programación. Entre as máis directamente relacionadas podemos destacar: (II, ITIG e ITIS) Proxecto fin de Carreira, (II) Análise de Sistemas Informáticos, Deseño de Sistemas Informáticos, Integración de Sistemas, Análises e Deseño Orientado a Obxectos, e (ITIG) Principios de Análise Informática.
Esta materia tamén resulta moi interesante á hora de configurar habilidades no contexto do ámbito profesional xa que a paradigma da orientación a obxectos é o dominante dentro das linguaxes de programación máis utilizados profesionalmente (Java, C#, C++, VisualBasic, Delphi, etc.). |