Descripción general |
A materia de Teoría da Composición, situada no último tramo dos estudos de segundo ciclo é obrigatoria para os alumnos que teñen optado pola especialidade de Teoría e Deseño, ofrece unha aproximación analítica e crítica á arquitectura da segunda metade do século XX, coa vontade de ofrecer unha reflexión, entendida como unha ferramenta necesaria no traballo proxectual, sobre o complexo panorama interpretativo das arquitecturas máis recentes.
A partir do proceso de revisión e crítica ao movemento moderno analízanse as arquitecturas máis representativas que foron formuladas a partir dese momento de crise, renunciado a unha sistematización historiográfica, asumindo a dificultade de sistematizar unha historia da contemporaneidade, para propoñer unha visión interpretativa a partir dunha dupla visión: por unha parte a idea do “significado da construción” nas últimas décadas, e por outra, a necesaria “relación entre a arquitectura e as outras artes” como impulso e laboratorio creativo privilexiado da contemporaneidade.
Esta dupla visión vaise entrecruzando a través de aulas alternas que perseguen a asunción de contidos e de metodoloxías que foron expostas na formación do alumno e no seu traballo proxectual. |