Se durante o curso se programase algún evento científico ou cultural que a profesora considerase de interese para o alumnado, a participación nel podería pasar a computar na avaliación, o que comportaría unha reestruturación das porcentaxes sinaladas, substituíndo a correspondente á asistencia ás sesións maxistrais.
O alumno levará a cualificación de NP se non realiza ningunha das actividades avaliables ou se só realiza unha, sempre que esta sexa a recensión ou a análise de fontes documentais. Se se presenta só a proba mixta, conforme á normativa da facultade, será avaliado.
Para ser considerado Aprobado na primeira oportunidade, o alumno deberá realizar todas as actividades propostas e obter en cada unha delas un mínimo de 5.
Na segunda oportunidade, o alumno deberá completar a entrega das actividades non realizadas e acadar a puntuación requirida; se o carácter da proba non o permite, deberá levar a cabo outra actividade similar que será indicada pola profesora.
O sistema de avaliación será obxecto de adaptación para os alumnos con dispensa académica. En virtude da diversidade de situacións posibles, no seu momento, de darse o caso, indicarase o sentido desta adaptación, de modo que aquelas sesións, probas etc. nas que non poidan participar sexan compensadas con outras.