General description |
A materia parte do cuestionamento da primacía da razón instrumental en todos os ámbitos da vida (tamén no social), orientada ao cálculo de probabilidades para lograr o máximo beneficio. Unha racionalidade que non garante a xustiza, porque que algo sexa tecnicamente posible non significa que sexa humanamente aceptable. Son precisas as dúas dimensións, técnica e ética.
Así, fronte ao relativismo moral propio da postmodernidade neoliberal, onde non hai criterios éticos compartidos, todo vale e vale igual, defendemos unha ética cívica universal, dialóxica, participada, argumentada. Unha ética aplicada entendida como saber práctico encamiñado a tomar decisións prudentes e moralmente xustas (Adela Cortina).
Compartimos con Joan Canimas a necesidade de converter a ética nunha práctica subversiva ademais de reflexiva (que indague nas sombras, nas grietas, nos límites) e situacionista, que promova situacións nas que sexan posibles outras formas de vida e alteridade desexables.
Na materia, trasladamos esta práctica a diferentes ámbitos de acción social: servizos sociais, prostitución, diversidade funcional, persoas maiores, educación ambiental e social en xeral.
Ademais, en tanto que ética aplicada, a materia ten como obxectivo ser capaces de identificar problemas e dilemas éticos na práctica social e ter ferramentas para atopar respostas dialóxicas aos mesmos. |