Descrición xeral |
Teoría da educación constitúe unha das materias de carácter básico que se sitúa no primeiro curso e no primeiro cuadrimestre do Grao en Educación Primaria; un momento particularmente sensible e decisivo no comezo da construción da traxectoria formativa do estudantado universitario, e cuxos contidos e competencias resultan un alicerce pedagóxico esencial sobre o que se irán construíndo os piares da súa cualificación e desenvolvemento profesional. Xunto a outras materias coas que atopamos frutíferas conexións conceptuais e epistemolóxicas ao longo de toda a titulación, pretendemos axudar ao alumnado a analizar e comprender criticamente o fenómeno e procesos educativos dende unha perspectiva reflexiva e teórico-práctica. Afondarase asemade nos principios, fins e valores que orientan a función educadora, así coma no estudo dalgunhas das teorías, correntes e movementos educativos máis relevantes e representativos da nosa época, sen perder de vista a imprescindible defensa permanente dos dereitos da infancia. Deste xeito, ofrecerase unha visión actual e prospectiva dos principais desafíos aos que debe facer fronte a escola do século XXI no marco social e comunitario, achegándonos a algunhas das tendencias innovadoras que se albiscan como alternativas posibles e pedagoxicamente desexables, nomeadamente no contexto do ensino primario. Procurarase, xa que logo, contribuír –dende un enfoque emancipador, ético e transformador– á construción do pensamento pedagóxico das futuras mestras e mestres, avogando pola recuperación da súa función como intelectuais e creadoras de cultura. |